Escoitar

O alcalde chama á participación na manifestación en defensa da sanidade pública

Abel Caballero fixo este xoves un chamamento á cidadanía viguesa a participar esta tarde, ás 20 horas desde o Hospital Xeral, na manifestación en defensa da sanidade pública e da saúde, unha reivindicación que ten "todo o respaldo do alcalde da cidade", incidíu, en demanda da calidade na asistencia sanitaria.

xoves, 3 set 2015
Este xoves, día da "gran manifestación" en defensa da sanidade pública convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi, o rexedor de Vigo chama a toda a cidade a que acuda á mobilización que conta co pleno apoio do alcalde porque "nesta batalla da defensa da saúde da cidadanía viguesa imos estar involucrados de forma total e absoluta. É a nosa saúde a que está en risco e perigo por tantas e tantas deficiencias dun hospital privado que vai seguir tendo problemas de atención, sen laboratorio, rexido desde o ámbito privado, cun aparcamento de pago e con esta situación de traslado totalmente dramática e calamitosa".

Abel Caballero referiuse a esta xornada como un día "moi importante" na cidade e en toda a grande área sanitaria da zona metropolitana de Vigo: "estamos chamados a defender a sanidade e a saúde da cidade, a defensa do territorio, a demandar que teñamos a calidade da asistencia sanitaria que teñen en tantos lugares", por iso engadiu a necesidade de participar hoxe na manifestación para "defender a sanidade e defender a propia cidade unha vez máis".

O alcalde lémbralle a toda a cidadanía que a manifestación parte este xoves ás 20:00 horas do Hospital Xeral e que o percorrido remata na Porta do Sol.