Escoitar

O goberno de Vigo apoia con 40.000 euros a edición 2015 de "O Marisquiño"

O alcalde deu conta dos principais asuntos abordados na Xunta de Goberno Local deste venres, entre os que salientou a aprobación do convenio para respaldar con 40.000 euros a celebración deste evento, que terá lugar no centro da cidade do 7 ao 9 de agosto. Abel Caballero avanzou que "O Marisquiño", un referente nacional e internacional de deportes de acción e cultura urbana, continuará en Vigo nos próximos anos.

venres, 29 mai 2015
Abel Caballero explicou que existe un acordo a longo prazo coa organización da cita, co que avanzou que se celebrará en Vigo nos próximos anos, o que é "bo" tanto para o Marisquiño como para a cidade. "O Marisquiño" acada neste verán a súa décimo quinta edición e formará parte do programa de festas de verán da cidade de Vigo, segundo trasladou o alcalde.

Susana Rodríguez Gacio
O goberno local tamén aprobou o convenio para apoiar o proxecto deportivo de Susana Rodríguez Gacio, paratleta viguesa que actualmente ocupa o número 3 na clasificación mundial na súa modalidade de triatlón. O Concello quere así apoiar á deportista para que consiga a clasificación para as Paralimpiadas de Río 2016, explicou Caballero.