Escoitar

O Are-More ofrece un concerto de “The Swingle Singers” no cine Fraga-Caixa Galicia

mércores, 30 out 2002
imx1925.jpg
The Swingle Singers
“The Swingle Singers” ten por obxectivo sorprender os espectadores e innovar en cada actuación. Considerado un dos mellores conxuntos do mundo, nesta cita do Are-More ofrecerá un concerto lúdico con temas da Guerra das Galaxias, de Williams, de Lennon e McCartney, Miles Davis ou Quincy Jones, facendo un percorrido pola historia da música. Bach, Chopin ou Mandel son outros dos compositores que interpretará este grupo o xoves 31 de outubro no cine Fraga-Caixa Galicia.

The Swingle Singers ofreceu o seu primeiro concerto en 1963 en París. Ward Swingle formou o grupo cun repertorio de fugas de Bach con swing, pero ”The Swingle Singers” nunca deixou de aportar un enfoque fresco e orixinal —e un novo público— a cada tipo imaxinable de música. En case 40 anos fixeron as delicias do público en máis de 3.500 concertos, gañaron 5 premios Grammy, gravaron 46 discos, apareceron en centos de programas de radio e televisión de todo o mundo, fixeron xiras con orquestras, óperas, ballets e compañías de danza contemporánea... e teñen fans en tódolos recantos do planeta.

Ademais das súas actuacións a capella, ”The Swingle Singers” teñen feito programas lixeiros e populares e música contemporánea con moitas das principais orquestras do mundo. A Sinfonía de Luciano Berio (composta para os Swingle Singers e a Filharmónica de Nova York en 1969) converteuse nunha das obras orquestrais contemporáneas máis executadas do noso tempo. Os propios ”The Swingle Singers” xa a levan interpretado máis de 300 veces.

No ano 2000 o grupo encargou Balancing the Books de Michael Nyman, interpretada no Festival de Londres, e o compositor francés Pascal Zavaro escribiu recentemente dúas pezas para eles: Déjeuner sur l’herbe, estreada no Teatro Châtelet de París (2001) e Voyage (2002). Os seus traballos para televisión inclúen colaboracións co grupo pop Pulp na música para a serie británica de televisión Randall & Hopkirk (deceased), polas que recibiron unha invitación para intervir no último disco de Pulp, We Love Life.

PROGRAMA e ENTRADAS

MÁIS INFORMACIÓN
Descargar todas as imaxes