Escoitar

Comezan as obras de recuperación da fonte da praza de América

martes, 29 out 2002
imx1921.jpg
Vieitez co plano da fonte
O Concello realizará as obras de acondicionamento da fonte da praza de América, un lugar emblemático da cidade, que entrará en funcionamento cando se reparen os problemas de filtración de auga e se nivele a súa superficie. Tamén se recuperarán os xogos luces e colocaranse xardineiras.

O concelleiro Henrique Vieitez explicou que os problemas que presentaba a fonte foron debidos a unha compactación inadecuada das dúas superficies nas que se asenta que provocou un desnivel de 18,5 cm. no lado máis desfavorable entre as avenidas de Castrelos e do Fragoso. Outra incidencia que repercutiu de forma negativa foi unha fuga no saneamento de Gran Vía á rúa Coruña que escarvou no baixo da fonte. O caixón de formigón ten 60 cm. de xabre para absorber as vibracións e está dividido en oito partes, das que unha ten fisuras polas que discorría a auga.

Técnicos na materia aseguraron que a fonte está estabilizada polo que se procederá a levantar a coroación da base, a parte de granito do redor, para a súa nivelación. O seguinte paso será a impermeabilización do vaso para evitar que caia auga ao túnel e logo recuperaranse o xogo de auga central e mailo de iluminación.

Picarase o adoquín dos dous aneis perimetrais e faranse xardineiras de 20 m. enfrontadas á rúa Coruña, Gran Vía e avenida da Florida.

Nos informes técnicos establécese como unha das causas que puideron orixinar estes desperfectos a subida de persoas, xa que está creada para soportar 20 Kg/m2 corresponde ao peso da auga.

Investiranse 73.600 euros na recuperación desta fonte e realizarán actuacións de forma coordinada as concellerías de Vías e Obras, Parques e Xardíns e Servicios Electromecánicos. En total só se recuperaron 20 proxectores de luz dos 150 que dispuña e quedaron inservibles as 108 bocas de auga que tiña.

MONUMENTO DA PRAZA DE AMÉRICA
Descargar todas as imaxes