Escoitar

Novas empresas, rehabilitación en cascos históricos e supresión de barreiras arquitectónicas terán rebaixas fiscais

luns, 28 out 2002
O proxecto de ordenanzas fiscais aprobado no Pleno da Corporación incluirá bonificacións para as obras de rehabilitación dos edificios catalogados e dos situados nos ámbitos do Casco Vello e de Bouzas. Calquera obra de rehabilitación que se realice neses ámbitos verá reducido nun 75% o importe correspondente do Imposto de Construcción e tamén as taxas que se deben pagar para a obtención de licencias. A supresión de barreiras arquitectónicas en edificios existentes e a creación de novas empresas disporán tamén de rebaixas fiscais.

Aplicaráselle unha reducción do 95% do Imposto de Construcción a aquelas obras que se executen en edificios que teñan como finalidade a eliminación de barreiras arquitectónicas, como complemento a unha liña de traballo emprendida polo Goberno municipal.

Preténdense tamén aplicar o vindeiro ano bonificacións fiscais ás empresas de nova creación, co obxectivo de fomentar así a actividade empresarial. Calquera sociedade que se constitúa no ano 2003 terá unha reducción do 30% no Imposto de Actividades Económicas durante os primeiros 5 anos de funcionamento. Se a actividade empresarial obtén a cualificación de “proxecto de interese municipal”, esta bonificación chegará ao 50%. Ademais, este tipo de proxectos empresariais tamén poden acadar unha rebaixa do 50% no Imposto de Construcción cando a súa implantación requira a execución de obras.

O proxecto de Ordenanzas Fiscais para o ano 2003 prevé unha actualización equivalente ao IPC calculado entre abril de 2001 e abril de 2002, un 3,6%. No ano 1999 a recadación voluntaria foi do 81% fronte ao 87% en 2001. O incremento da recadación executiva pasou de 7,3 millóns de euros en 1999 a 9,8 millóns de euros en 2001.