Escoitar

Xuventude patrocina o Titiriteatro de Outono que se celebra no Casco Vello

venres, 25 out 2002
imx1909.jpg
Mago Cali
O Titiriteatro de Outono ofrecerá representacións para nenos dentro da programación do Plan Comunitario do Casco Vello na que colabora a Concellería de Xuventude. Sete compañías realizarán actuacións cada sábado ás 18:00 na praza da Constitución ou na lonxa do Concello se chove. Cada función será presentada polo mago Cali, que realizará xogos de ilusionismo para entreter os rapaces.

O concelleiro Santiago Domínguez destacou a calidade dos grupos, a boa organización e a consecución da recuperación da cultura do títere e monicreque. Ademais, este programa serve para a dinamización de actividades no Casco Vello e promove a creación de públicos que demandan estes espectáculos, xa que acoden entre 400-500 nenos por función acompañados polos seus familiares.

Títeres Cachirulo, Trompicallo, Arrefríos, Viravolta, Tanxarina, Títeres e Gualtrapas e Aprendices do vacío deleitarán os pequenos cada semana. O programa conta cun orzamento de 2.100 euros achegados polo IGAEM e 2.400 euros da Concellería de Xuventude.

A responsable do Plan Comunitario do Casco Vello, Ana Casas, explicou que este é o sexto ano que se organiza este programa, do que se senten orgullosos de darlle pulo aos títeres xa que agora hai máis vigueses que se dedican profesionalmente a esta actividade. Este ciclo cobre un baleiro de actos infantís no outono e serve para buscar espacios culturais alternativos no Casco Vello.

Sábado, 26 de outubro

Títeres Cachirulo presenta ”A guerra das Galicsias”

“A guerra das Galicsias” é unha divertida aventura interplanetaria do século XXI inspirada nas tradicións máxicas, astrolóxicas e culturais da nosa terra. O planeta Marticia atópase en alerta, as súas augas foron contaminadas polo malvado emperador Omega, cunha substancia que provoca os máis insólitos efectos nos seus habitantes.
Descargar todas as imaxes