Escoitar

A Corporación insta á Xunta de Galicia a licitar as obras de mellora do subministro de auga a Beade

luns, 28 out 2002
imx1915.jpg
Castrillo e Álvarez
A representante da asociación de veciños, consumidores e usuarios de Beade Concepción Álvarez realizou unha intervención perante a Corporación municipal sobre a situación do abastecemento de auga e saneamento na parroquia. O Pleno acordou instarlle á Xunta de Galicia a licitación de obras que xa contan con consignación presupostaria para poder mellorar o subministro e ampliar a rede de saneamento.

A Corporación acordou, por unanimidade, solicitarlle a Augas de Galicia e Obras e Servicios Hidráulicos, empresas públicas da Xunta de Galicia, a licitación coa máxima urxencia das obras de mellora no subministro de auga potable no Concello de Vigo, mediante a conexión O Casal-Valadares e o peche perimetral, que dispoñen dun presuposto de 8.177.550 euros.

As ampliacións do saneamento da parroquia de Beade, cun presuposto de execución por contrata de 3.359.838 euros, de Zamáns por 3.188.478 euros e Valadares por 2.811.035 euros son outras das obras pendentes de licitar pola Xunta de Galicia para a súa realización.

O Concello executará antes de xullo de 2003 e con cargo á recadación de acometidas de saneamento a primeira fase do proxecto ”Mellora do abastecemento na parroquia de Beade desde a conducción do subministro ao parque tecnolóxico” actualmente en redacción e cun presuposto de execución aproximado de 273.684 euros.

O Concello e a concesionaria do servicio de abastecemento e saneamento redactarán o proxecto de creación dun depósito de auga con 6.900 m3 de capacidade para substituír os dous actualmente existentes na zona das Presas-Beade e que se verán afectadas polas obras do segundo cinto, comprometéndose a buscar financiación para a súa constitución. Ademais, farán un estudio ou anteproxecto das necesidades de ampliación de redes de abastecemento na parroquia de Beade.

A concesionaria do servicio de abastecemento e saneamento tomará as medidas oportunas para que os afectados pola falta de auga na zona de Outeiro e Saa non teñan que pagar cantidades que superen a media anual de consumo, descontando nos próximos recibos aquelas cantidades cobradas que puideran exceder desa cifra.

O Concello conseguiu a execución de proxectos de saneamento con financiación da Unión Europea por valor de máis de 12.048.192 euros: financiación de obras de saneamento para San Poulo, Candeán e Seixo (Castreliños) con cargo á Deputación provincial e o compromiso por máis de 18 millóns de euros para tres proxectos en Beade, Valadares e Zamáns, pendentes de licitación por parte da Xunta de Galicia desde abril de 2002.
Descargar todas as imaxes