Escoitar

Vigo é o segundo concello de España que antes paga aos seus proveedores

A tenente de alcalde e concelleira de Facenda, Carmela Silva, salientou na sesión Plenaria desta mañá que só Alicante paga antes aos seus proveedores que Vigo, tal e como recoñece o propio ministro de Facenda, Cristóbal Montoro. Durante a súa intervención, deu conta do informe do Interventor sobre o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria.

luns, 9 feb 2015
Segundo o informe de trimestral de Tesourería dos últimos tres meses de 2014, o período medio de pago a proveedores foi de 10,5 días, unha cifra que valida a Vigo como a segunda cidade de España que antes paga polos servizos que recibe. A tenente de alcalde e concelleira de Facenda, Carmela Silva, explicou que estes datos veñen refrendados por un informe emitido polo Ministerio de Facenda, resposabilidade do popular Cristóbal Montoro. O obxectivo desta boa xestión, indicou, é que pequenas e medianas empresas cobren "tal e como lles corresponde e poidan seguir traballando".

Anteriormente, Silva deu conta no Pleno do informe do Inteventor Xeral de avaliación do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, destacando o "claro" cumprimento do obxectivo de déficit e da sustentibilidade da débeda, ata o punto de que se enviará o informe á Consellería de Facenda aínda que non sería preciso dada a boa situación das contas municipais. A responsable de Facenda reiterou que Vigo ten "os mellores resultados de toda España" e comparou esta situación coa doutras cidades como A Coruña, que está "en quiebra". Avanzou que seguimos "camiño da débeda cero, cunha porcentaxe de execución orzamentaria moi alta e sendo a cidade que menos paga de intereses ao sistema financeiro".

Na súa opinión, o máis importante de ter superávit e, polo tanto, unhas contas saneadas é poder seguir a desenvolver a mellor política social e de emprego de toda España, mantendo a estabilidade orzamentaria. Segundo Silva, Vigo é nestes momentos o modelo a seguir en todo o territorio español.