Escoitar

O Pleno esixe que se garanta o acceso ás novas terapias aos doentes de Hepatite C

O PSOE presentou esta mañá unha moción na que instaba ao Goberno de España a garantir o acceso ás novas terapias para os doentes de Hepatite C, cifrados nun mínimo de 30.000 persoas. Esta iniciativa contou co voto favorable do BNG e a abstención do PP.

luns, 9 feb 2015
O Pleno do Concello deu luz verde a unha moción socialista que insta ao Goberno de España a garantir que o acceso ás novas terapias se produza de acordo co criterio dos especialistas, dispoñendo dos recursos precisos para a atención das 30.000 persoas que precisan tratamento urxente. O texto socialista, que contou co apoio do BNG e a abstención do PP, tamén esixe á Xunta tomar as medidas precisas para que estes novos fármacos se dispensen nas farmacias hospitalarias sen máis requisito que a prescripción facultativa. A modo de engádega á moción, o PSOE incluíu durante o debate solicitar á Xerencia do EOXI de Vigo potenciar a Unidade de Patoloxía Infecciosa do Complexo Hospitalario como referencia para a asistencia sanitaria desta patoloxía.

Na mesma sesión plenaria, tamén se deu luz verde a outra moción socialista, defendida neste caso polo concelleiro David Regades, na que se esixe á Xunta que atenda a ampliación de Beiramar, varias veces anunciada desde a Xunta. Cos votos favorables de todos os grupos, o texto do PSOE critica que os orzamentos da Xunta para 2015 non inclúan partida algunha para esta infraestrutura, mentres que si hai recursos para outras obras "faraónicas" como o túnel de O Parrote, en A Coruña.

A úlitma moción socialista aprobada esta mañá acorda deseñar en tres meses un plan global e transversal para investir os fondos procedentes do novo Plan de Estímulo á Economía Europea. O texto, que obtivo os votos do PP e a abstención do BNG, prevé ter en conta as peculiaridades de Galicia e da nosa cidade.