Escoitar

O Concello valida a protección histórica, natural e arquitectónica das vivendas da faldra do Castro

Urbanismo deu luz verde este venres á aprobación inicial do Plan Especial da Colonia Histórica do Couto, que engloba ás vivendas da aba do monte do Castro, trámite co que o goberno de Vigo quere preservar este entorno paisaxístico, ambiental e urbano, e conseguir a rehabilitación dos elementos máis característicos da arquitectura e das formas de edificación tradicionais.

venres, 23 mai 2014
A Xerencia de Urbanismo validou o Plan Especial, ratificado posteriormente pola Xunta de Goberno Local, que procur respectar e contribuir a preservar o medioambiente, o patrimonio histórico e a paisaxe natural e urbana, ademais do arquitectónico.

Entre os obxectivos do goberno de Vigo co nomeado Plan atópase, segundo explicou o alcalde, conseguir a protección, rehabilitación e mellora dos elementos máis característicos da arquitectura presente na faldra do Castro, e das formas de edificación tradicionais.

O rexedor avanzou que se abre un prazo de información pública do Plan Especial aprobado, ao que seguirá un periodo de alegacións e a sesión plenaria cara a súa validación definitiva. Caballero tamén deu conta das 10 licencias de obra e 3 de actividade concedidas na Xerencia de Urbanismo deste venres, que suman un investimento total de 187.000 euros.