Escoitar

A creatividade do movemento Atlántica enche as salas do museo

mércores, 13 nov 2002
imx1978.jpg
Menina (Antón Patiño)
As cinco exposicións de Atlántica non foron un feito illado no ambiente transformador que se respiraba en Vigo na década dos 80 do século pasado. Esta mostra foi concibida como un eido de investigación multidisciplinar, que abrangue o período de 1978 a 1986, e inclúe tamén a creación viguesa noutros eidos como a música, poesía, edición gráfica, videocreación, performance ou o teatro.

En España a transición democrática e mailos seus consecuentes cambios sociopolíticos trouxeron consigo unha efervescencia creativa pouco común en tódolos eidos da cultura: artes plásticas, teatro, música, arquitectura, audiovisuais, literatura, poesía, banda deseñada, deseño, moda, etc. Foron tempos de frenética actividade política e cultural que modificaron fonda e definitivamente os hábitos sociais dos españois, acadándose unhas cotas de consumo cultural non coñecidas ata o momento.

A cidade de Vigo non se mantivo allea a este proceso, manifestándose como unha das urbes máis activas e creativas do Estado. No ano 1980, tivo lugar un evento que se enmarcou neste contexto: o nacemento de ATLÁNTICA, un colectivo de artistas e intelectuais unidos por unha vontade común de renovación, que traballaban cun enfoque creativo radicalmente innovador e integrador co resto do mundo, logrando as súas obras transcender a escala española e internacional.

A proposta expositiva foi estructurada en tres ámbitos distintos: unha exposición de artes plásticas no primeiro andar do museo, unha mostra de documentación, instalada no Espacio Anexo, e un catálogo exhaustivo de máis de 600 páxinas.

Este triple enfoque era unha condición sine qua non do proxecto orixinal, aínda que a mostra de documentación foi gañando corpo a medida que avanzaban as investigacións de arquivos privados en domicilios particulares de Galicia e Madrid.

Tanto é así que aqueles documentos que non caben nos espacios designados para as exposicións estarán a disposición dos investigadores na biblioteca do centro.

Realizouse unha montaxe secuenciada en torno a determinadas poéticas, moitas veces persoais ou de afecto pero, sobre todo, centradas na especificidade das linguaxes e do propio espacio, sen descoidar un sentido simbólico que se reforzou no percorrido.

Isto explica que a primeira sala estea dedicada ó núcleo fundador –Guillermo Monroy, Antón Patiño, Menchu Lamas e Ánxel Huete-, punto de partida dun discurso estético baseado na complexidade e na convivencia de situacións.

Segue un espacio-homenaxe a aqueles artistas de Atlántica xa falecidos: Reimundo Patiño, José Lodeiro, Mon Vasco, Rafael Baixeras e Francisco Mantecón.

Un espacio-camiño que dá paso a outra nova sala, vinculada, xeracional e esteticamente, ó grupo de artistas fundadores: Antón Lamazares, Manuel R. Moldes, Francisco Leiro, José Freixanes e Xesús Vázquez. Aproveitándonos da súa fragmentación, reforzámo-la individualidade do espacio para que a obra dos diferentes artistas conviva coas menores interferencias posibles, aínda que, eso si, sen deixar de lado os diálogos necesarios, como sucede nos casos de Manuel Facal ou Xaime Cabanas e no despregamento lonxitudinal dalgunhas salas: Manuel Ruibal, Antón Goyanes, Ignacio Basallo, Luís Borrajo e Silverio Rivas, confrontando situacións diverxentes.

A derradeira sala, a perimétrica, que pecha o percorrido recolle, de xeito individual, as obras de Xavier Correa, Alberto Datas, Armando Guerra e Manuel Quintana.

Se ben é certo que en ATLÁNTICA participaron outros artistas invitados a algunhas das súas cinco exposicións, a selección fíxose atendendo ós que na actualidade teñen consolidado unha idea de proxecto que consagra as vellas pescudas daqueles primeros oitenta. Algúns —moi poucos— quedaron no camiño, e aínda que a súa participación no colectivo non se poida desbotar, a súa mención limítase ó extenso catálogo que documenta a historia de ATLÁNTICA.

Esta extensa publicación cumpre dúas funcións nunha: recompila-las obras da exposición e servir de soporte para amosar ó público os variados e valiosos documentos (fotografías persoais, postais, artigos de prensa, invitacións a concertos ou a exposicións, carteis, revistas...) rescatados de arquivos privados.

Necesariamente a investigación estendeuse a un eido da creación viguesa tan xenuíno e transcendente como a música, dado que moitas das cancións de Siniestro Total, Golpes Bajos, Os Resentidos ou Aerolíneas Federales (ou o grupo de poesía “Rompente”, liderado polo polifacético Antón Reixa) forman parte do imaxinario colectivo de tódolos españois e das españolas que viviron aqueles “movidos anos 80”. Por iso, paralelamente, MARCO editou un disco onde se poden escoitar en continuidade (no Espacio Anexo) os temas máis significativos daqueles anos seleccionados por Julián Hernández (Siniestro Total), Gonzalo López (Directivo de BMG) e Antón Reixa (Os Resentidos).

COMISARIO
Xosé Antón Castro

ASESORES TÉCNICOS DOCUMENTACIÓN
Antón Patiño
Manuel M. Romón Alonso

COORDINACIÓN
Pilar Souto

ARTISTAS PARTICIPANTES: 25
Rafael Baixeras
Armando Guerra
Guillermo Monroy
Ignacio Basallo
Ánxel Huete
Antón Patiño
Luis Borrajo
Menchu Lamas
Reimundo Patiño
Xaime Cabanas
Antón Lamazares
Silverio Rivas
Correa Corredoira
Francisco Leiro
Manuel Ruibal
Alberto Datas
José Lodeiro
Mon Vasco
Manuel Facal
Francisco Mantecón
Xesús Vázquez
José Freixanes
Quintana Martelo
Antón Goyanes
Manuel Moldes

NÚMERO DE OBRAS NA EXPOSICIÓN: 94 + 150
Pinturas: 75
Esculturas: 15
Instalacións: 4
Obras de documentación en Espacio Anexo: 150

CATÁLOGO
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo editará un catálogo trilingüe de 647 páxinas divididas en 9 capítulos: textos protocolarios, texto do comisario e textos críticos, apéndice documental, cronoloxía, obras da exposición, textos dos protagonistas, textos de críticos de fóra da comunidade galega, biografía dos artistas participantes e traduccións.

SOBRE O COMISARIO
Xosé Antón Castro: profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ten múltiples libros e artigos publicados e foi comisario de diversas exposicións en España e no estranxeiro.
Descargar todas as imaxes