Escoitar

O Museo de Arte Contemporánea abre as súas portas

mércores, 13 nov 2002
imx1980.jpg
Basso, Castrillo, Príncipe e Fraga
O alcalde, Lois Castrillo, o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, a directora do museo, Carlota Álvarez, e o concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, realizaron unha visita guiada polas instalacións do Marco. ”Este museo vai ser un elemento dinamizador da inmensidade cultural da cidade e do contorno onde está localizado”, afirmou Castrillo.

”Coa posta en marcha deste museo, pódese afirmar que Vigo comeza a superar o déficit crónico que padeceu durante anos en infraestructuras culturais e sube ao tren dos circuítos artísticos das grandes cidades europeas”, sinalou Castrillo.

O novo museo será en Vigo un edificio de referencia, non só polo seu significado cultural, senón tamén polo seu valor arquitectónico. ”O Marco será unha ventá aberta ao mundo da arte, receptor de ecos internacionais e difusor de valores autóctonos. Ámbalas dúas funcións están perfectamente recollidas nas exposicións coas que se abren as portas do museo ao público”, destacou o alcalde.

Igual que o Marco supón a recuperación para a cultura e a arte dun edificio abandonado, Vigo comeza a abrirse a Galicia e a Europa como un espacio atractivo, cosmopolita, moderno, vital e humano. O Marco é a metáfora dese novo Vigo que estamos construíndo entre todos e todas.

A directora do Marco, Carlota Álvarez Basso, destacou que o museo ten tres liñas de programación expositiva: unha baseada en mostras pluridisciplinares sobre arte e cultura actual, de ámbito nacional e internacional: outra que fomenta a investigación, as revisións históricas e maila recuperación de autores e movementos artísticos galegos de producción vinculada a linguaxes vangardistas e, por último, a sala de exposicións do edifico anexo, dedicada a produccións de artistas emerxentes. A directora salientou que a programación para o próximo ano xa está pechada.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, resaltou o cambio que supón para a cidade a apertura do Marco, situando a Vigo no mapa cultural da arte contemporánea.
Descargar todas as imaxes