Escoitar

Caballero amosa a súa "firme convicción da recuperación da economía de Vigo"

O alcalde inaugurou hoxe xoves o terceira xornada "Vigo ante o seu futuro", organizada pola Fundación ProVigo, adicada desta volta aos servizos ao consumidor. Na apertura, Caballero trasladou o "apoio total" do Concello ao comercio e hostelería, e ve signos positivos na marcha da automoción, do naval e da pesca da cidade.

xoves, 24 out 2013
1382615893provigo.JPG
Abel Caballero amosou a súa "firme convicción da recuperación da economía de Vigo", durante a sesión de inauguración da terceira xornada da Fundación ProVigo, e citou á automoción, "xa en marcha", e ao naval, onde se perciben "posibilidades reais", ademais do peso da pesca na cidade, como revelou a feira de Conxemar.

No tocante ao comercio, a hostelería e o turismo, sobre as que versa a xornada que se celebra hoxe no Centro Social Novacaixagalicia, o alcalde apuntou que o desenvolvemento ten que verse tamén nestas áreas, que operan como "a manifestación do resto da economía".

Ao respecto, o primeiro edil aseverou que o Concello impulsa "políticas keynesianas" de creación de emprego e o "plan social", co obxecto de dotar á cidadanía de poder adquisitivo, o que "redundará en demanda nos comercios de Vigo". O goberno de Vigo tamén ten implementado a taxa cero nas terrazas para cooperar coa hostelería.

No tocante ao turismo, Caballero reclamou ao Porto de Vigo a recuperación dos niveis de cruceristas de exercizos anteriores, xa que o 2013 está a ser "un ano moi malo" neste concepto. Outro alicerce atópase no aeroporto, "parte sensible" do turismo da cidade, onde o alcalde afirmou ter confianza "importante" na implantación da baixo coste Volotea para o próximo verán.
Descargar todas as imaxes