Escoitar

O alcalde esixe igualdade de condicións nos aeroportos galegos e pide non duplicar destinos

Abel Caballero reuníu este luns aos voceiros dos grupos políticos municipais para trasladarlles as xestións realizadas e en marcha para potenciar Peinador. O alcalde pide subvencións para todos ou para ningún e reclamará no comité de coordinación aeroportuaria que os destinos de Vigo non se operen noutras terminais galegas.

luns, 23 set 2013
1379952646aeropuerto.JPG
O alcalde planteará na próxima reunión de coordinación aeroportuaria de Galicia que os destinos que opera Peinador non se traballen desde Alvedro ou Lavacolla. Caballero, quen extende a proposta a todos os voos internacionais presentes e futuros da cidade olívica -como Londres, segundo apuntou-, citou o exemplo do destino internacional en funcionamento máis antigo de Galicia, París, que voa desde Vigo sen apoio público, e agora tamén opera desde Santiago de Compostela, mais con subvencións. O rexedor estima que Galicia xa está conectada con París desde Vigo e, por tanto, non deben fletarse avións á capital francesa desde outra terminal galega.

Así o explicou Caballero ao remate da reunión que mantivo cos voceiros da oposición no Concello, unha cita onde o primeiro edil puxo sobre a mesa a necesidade de non duplicar destinos e de que os tres aeroportos galegos poidan competir en igualdade de condicións, é dicir, ou subvencións para todos ou para ningún. Actualmente, Peinador é a única terminal galega sen apoio público.

Abel Caballero asegurou que volverá convocar aos grupos municipais para manterlles informados da evolución da situación do aeroporto de Vigo e estudará as propostas que poidan poñer enriba da mesa os grupos, pero sen renunciar ao plan xa en marcha: potenciar as conexións con Madrid e Barcelona, contar con destinos transversais en España, manter París, recuperar Londres, conseguir a medio prazo un destino en Alemaña e tamén Bruxelas como Obriga de Servizo Público, un mecanismo polo que Fomento financiaría o servizo. O Concello xustifica a necesidade ao ser Vigo a única cidade do continente con Axencia Europea que non ten un voo directo coa urbe belga.

O alcalde reiterou a necesidade de que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, provincia que ten en Peinador o seu único aeroporto, apoien con cartos a terminal viguesa mentres as subvencións continúen en Santiago e na Coruña.
Descargar todas as imaxes