Escoitar

Caballero di que o Concello é a administración que máis recursos adica a políticas sociais contra a crise de toda España

O alcalde sinalou hoxe venres ao Concello de Vigo como a administración española que máis recursos adica a políticas sociais para paliar os efectos da crise. Así o explicou durante a rolda de prensa na que deu conta da sintaura dun convenio con Foanpas por 656.039 euros. En total, avanzou, o goberno local adica 1,7 millóns de euros bolsas de comedor e libros.

venres, 3 mai 2013
A Xunta de Goberno Local deu luz verde a un Convenio con Foanpas por un valor de 656.039,31 euros para financiar actividades extraescolares e bolsas de comedor. En total, dixo o rexedor, a aportación municipal a bolsas de comedor e de libros é de 1,7 millóns de euros, para dar servizo a case 4.000 usuarios. Neste punto, engadiu que a aportación municipal "segue a crecer para suplir a constante diminución das achegas da Xunta".

Tal e como explicou en rolda de prensa, Caballero resaltou a Vigo como a administración que" máis recursos adica a políticas sociais para os afectados pola crise". En concreto, referiuse ao incremento de bolsas de libros, de comedor, ao albergue, á teleasistencia, aos servizos de emerxencia, á atención das UBAS, á da drogodependencia, aos 3,5 millóns de euros para persoas sen recursos, as políticas activas de emprego, entre outros. Caballero finalizou apuntando que o Concello "vai asumir cada recorte en materia social que acometa o goberno autonómico".

Outras axudas
A reunión de goberno semanal tamén aprobou unha subvención para a Asociación de Axuda ao enfermo mental DOA, por un importe de 7.290 euros, para o mantemento dos centros protexidos de Vigo e programas sicosociais. Do mesmo xeito, o alcalde tamén deu conta do proxecto de colaboración coa Fundación Menela para programas de respiro familiar. Serán 15.000 euros, destiñados ás familias ou coidadores habituais de persoas afectadas por algunha discapacidade.

Museo do Prado
O rexedor tamén deu conta da cesión temporal da obra A Virxe poñendo ao neno durmido sobre a palla ao Museo de El Prado para formar parte dunha exposición entre o 21 de maio e o 10 de novembro. Trátase dun óleo de Carlo Maratti, figura crave da segunda metade do século XVII. Tal e como explicou, a participación do Quiñones nesta mostra, revela o grande valor do conxunto depositado no Museo de El Prado, con máis de 20 obras chegadas desde a primeira metade do século XX.

Camiño a Camiño
Cun orzamento de 31.500 euros, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto de sensibilización e educación medioambiental Sistemas dunares e hábitats nocturnos, que se desenvolverán dentro do programa Camiño a Camiño en maio e xuño. Concretamente, os días 5, 12, 19 e 26 de maio orgainzaránse 4 rutas medioambientais polos sistemas dunares de Vigo, Illas Cíes, Cangas e Corrubedo. Respecto das 3 rutas medioambientais para a observación de hábitats nocturnos de Vigo e comarca, as datas elexidas serán o 1, o 8 e o 16 de xuño.