Escoitar
O departamento de Servicios Electromecánicos fixo 42 reparacións de avarías no subministro

Os bombeiros realizaron 53 intervencións debido ao temporal

xoves, 14 nov 2002
A intensidade do temporal que onte se cebou sobre a nosa cidade obrigou aos bombeiros, Policía local e persoal do departamento de Servicios Electromecánicos a traballar arreo durante toda a xornada. Os bombeiros de Vigo realizaron 53 servicios, a meirande parte para retirar da vía pública árbores e elementos de fachadas e tellados de edificios.

A maior intensidade de vento e de precipitacións concentrouse entre as 11:00 e as 15:00 horas. Recolléronse máis de 60 litros por metro cadrado, o que motivou que nalgúns momentos os sumidoiros non puideran acoller o volume de auga que caía e se formaran bolsas de auga. Algunhas delas afectaron á circulación de vehículos. Os bombeiros tiveron que intervir na rúa Cañiza para axudar a unha persoa que quedou atrapada no seu coche e nun paso inferior da autovía preto do Meixoeiro.

O Lagares desbordouse onte a mediodía en Sárdoma, na zona de Miraflores, interrompendo o tráfico. A construcción dos tanques de tormenta e a ampliación das pontes realizada recentemente impediu que o rio asolagara máis zonas ao longo do seu percorrido. En Balaídos, onde os sumidoiros están por debaixo do nivel do río, inundouse a zona próxima á rúa Olímpicos.

En total foron 18 as árbores caídas no municipio, moitas delas sobre a calzada. Unha delas derrubouse sobre un coche na avenida Castelao. Outra arrastrou na súa caída unha farola na rúa Hernán Cortés. En Arnela unha árbore caeu sobre o portal dunha vivenda, no campus universitario outra rompeu unha liña de electricidade e na praza da Estación caeu un palmeira.

Foron frecuentes os casos de desprendemento de elementos de fachadas de edificios. Os bombeiros tiveron que retirar planchas de uralita desprendidas na rúa Lorient e en Sanjurjo Badía. Nas rúas Redondela e Loriga o vento arrincou persianas. Nas rúas México, Martínez Garrido e Hernán Cortés caeron losetas das fachadas. Na avda. do aeroporto veuse abaixo un valado publicitario. En Portoloureiro, en Fontiñas de Arriba e en Moledo o vento desfixo muros.

Os bombeiros tiveron que colaborar para extraer auga de 13 baixos e locais inundados. Ademais, o vento envorcou e desprazou colectores de lixo que o servicio de limpeza tivo que recoller e reubicar nos seus lugares correspondentes.

O Concello solicítalle aos vigueses e viguesas que adopten medidas de precaución, xa que aínda se mantén a alerta pola posible presencia de fortes precipitacións nas próximas horas.

Electromecánicos

Debido á tormenta sufrida onte, a Concellería dos Servicios Electromecánicos tivo que facer un esforzo extraordinario para o que habilitou un maior servicio debido á gran cantidade de avarías ocasionadas como consecuencia das inclemencias do tempo.

O tipo de avarías que se produciron foron basicamente roturas de cables, postes e farolas caídos, tramos apagados que lle afectaron a múltiples puntos da cidade.

Neste sentido, produciuse un incremento das chamadas ao servicio de avarías do 400%, que obtiveron unha rápida resposta coa realización, nun tempo récord xa que foi nunha soa noite, das seguintes actuacións derivadas das avarías nas seguintes parroquias ou barrios:

Alcabre.........2
Beade.......2
Bembrive.......2
Bouzas.......1
C. Urbano......6
C. Vello.......1
Cabral.......1
Calvario......4
Candeán......3
Canido.......2
Castrelos........1
Coia........1
Comesaña.......3
Coruxo.....3
Lavadores.......2
Moledo........1
Navia......1
Oia......1
Sampaio.......1
San Xoán......1
Sárdoma........1
Valladares......2

Total......42