Escoitar

Encontro en Jerez da Mancomunidade cos socios comunitarios no proxecto da iniciativa Equal

-

xoves, 17 out 2002
Unha delegación da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (MAIV), encabezada polo concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, desprazarase hoxe a Jerez para manter un encontro cos seus socios comunitarios participantes na Iniciativa EQUAL: a Asociación Cultural Centro Studi Ibleo de Ragusa (Italia), a Fundación Val de Campaña de Oporto e o Concello de Jerez.

O encontro, que terá unha duración de dúas xornadas de traballo, é o primeiro da fase de execución do Compás e ten como obxectivo a concreción de actuacións no referente a facilita-lo acceso ó mercado laboral das persoas en situación de desvantaxe.

Tamén estes días en Jerez, as delegacións, no marco do proxecto transaccional, tentarán establecer un Sistema xeral de avaliación, que poda ser aplicable a escala europea a todo tipo de intervencións ou proxectos de emprego dirixidos a resolver situacións de discriminación. O devandito sistema complementarase coa elaboración dun esquema de diagnóstico da situación e aplicación da igualdade de oportunidades e da perspectiva de xénero.

O ?Compás?, na actualidade na fase de execución, conta cun equipo técnico formado por sete persoas que están a facer as xestións para establecer o sistema de inserción, que se porá en marcha o vindeiro mes decembro. Neste senso, o perfil dos beneficiarios do proxecto apunta a persoas desempregadas dos concellos integrados na Mancomunidade, cunha antigüidade mínima no paro dun ano, menores de 25 anos e maiores de 45, nun 60% mulleres e en risco de exclusión social.

Lembrar que o ?Compás? é un dos doce concedidos na Comunidade Autónoma Galega e que ten unha duración prevista de trinta meses, coa intención de mellorar a ocupabilidade dos habitantes da Área Metropolitana que se atopan nunha situación de desigualdade en relación co acceso ó mercado laboral.