Escoitar

Electromecánicos mellora o alumeado público en Saiáns coa instalación de 123 luminarias de maior rendemento

xoves, 17 out 2002
A Concellería dos Servicios Electromecánicos, co obxectivo de corrixir as caídas de tensión orixinadas nas liñas de abastecemento do alumeado público en Saiáns, iniciou os traballos necesarios para eliminar esta deficiencia. Dende hai bastantes anos, os veciños e veciñas afectados veñen reclamando estas melloras. Nestes traballos tamén vai incluído substituír as luminarias existentes abertas por outras pechadas e equipadas en alto factor de potencia de 35 watios e de maior rendemento lumínico, logrando así un aforro dun 43,75% no consumo na maior parte das lámpadas e unha considerable rebaixa na factura eléctrica, que permitirá adicalo a novas melloras noutros lugares.

Vai ser a primeira vez que se instalen de xeito masivo nunha parroquia viguesa estas lámpadas (de 35 watios e de sodio baixa presión) despois de verificar o seu rendemento lumínico, a mellora substancial dos niveis de iluminación nos camiños, así como o baixo consumo e a excelente relación calidade/resultado obtido.

A zona de actuación aféctalle ao camiño de Baixada á Praia, Pinal, Eiravella, Orxás, Tomada, Gándara e ás travesías dos mesmos. En total, instaláronse 123 luminarias, 95 caixas de derivación de liñas e un centro de mando. O orzamento desta obra é de 31.033 euros (5.163.508 pesetas).

O obxectivo que persegue a Concellería de Electromecánicos con esta actuación é rematar coa problemática das caídas de tensión no alumeado público, logrando que o alumeado funcione na súa totalidade, ao mesmo tempo que se melloran os niveis de iluminación naqueles camiños máis transitados.