Escoitar

O alcalde anima á participación na carreira Nocturna de San Xoán, este sábado, na que estarán campión e campioa de 2011

Todo listo para a Nocturna de San Xoán, un evento que se gañou o dereito a chamarse tradicional ao cumprir agora 29 anos e non faltar á súa cita un só verán dende o 23 de xuño de 1984, cando se organizou a primeira carreira pola Asociación Viguesa de Atletismo. Esta é a única proba atlética local organizada entre dous séculos que gozou de continuidade.

mércores, 20 xuñ 2012
1340205458sanxoan.jpg
A organización contaba con 625 inscritos a dous días do peche de inscricións, mañá xoves, segundo informou o presidente da delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo, Jesús Martínez. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, definiu esta carreira como "unha proba con connotacións de gran competición, pola súa dimensión profesional para os atletas que entren nese contexto e por estar aberta á cidadanía en xeral por ser máis popular".

Cunha distancia duns 8,6 quilómetros, mantén horario (21:15) e percorrido igual que nos últimos anos, con saída dende a Praza do Rei e final na Praza do Berbés. O deseño do circuíto fai que pase por algunhas rúas en sentido inverso á Vigo+11, a carreira pedestre por excelencia na cidade. En 1985, na segunda edición, elixiuse que a saída partise do Concello, e o final no Berbés vén de 1986, aínda que as rúas seleccionadas entre un e outro punto si variaron substancialmente.

"Hai atletas que levan esperando esta carreira dende hai tres meses", sinalou Martínez Rodal, o responsable da delegación viguesa, que lembrou que pode participar na mesma calquera deportista de 14 anos en diante. O alcalde animou a participar á cidadanía (5 euros custa a inscrición, ben na web www.championchipnorte.com, ben en Deportes Athletics, en Balaídos) e afirmou que "o Concello quere contribuír ao apoio do atletismo, un deporte de gran participación e tradición".

O boom das carreiras populares fixo que a deste sábado duplique a súa participación en catro anos (de 400 atletas en 2008 a 808 en 2011) e para esta edición espérase unha cifra similar "aínda que temos o inconveniente de que xoga España", dixo o delegado da FGA.

A carreira contará cos campións de 2011, Elías Domínguez (Academia Postal) e Patricia Mendes (Comesaña), xa inscritos, e Soledad Castro (vencedora en 2008 e 2010), ademais da céltica Sara Pérez, gañadora en 2002. Elías gañou a proba en seis oportunidades (2003, 2004, 2006, 2007, 2008 e 2011).

Disputadas a 10 km Cidade Universitaria e a Vig-Bay, esta é a terceira proba do circuíto de carreiras populares, primeira tras o peche de inscritos a fin de semana pasada. O circuíto superou os 800 participantes, o que supón todo un record que consolida este programa da Concellería de Deportes ao cuarto ano de vida.

Ademais, o alcalde tamén avanzou que a reforma da pista de Castrelos está en pleno "proceso técnico, sometendo a xente do deporte e aos técnicos" as ideas "porque queremos ter unha pista en condicións".
Descargar todas as imaxes