Escoitar

Unha mostra exhibe ”A outra cara de África”

luns, 7 out 2002
imx1833.jpg
Programa
A Casa Galega da Cultura acolle unha mostra que presenta o continente africano con tódalas súas riquezas e valores. A exposición, organizada pola Concellería de Cultura, descobre unha sociedade con múltiples contrastes que desexa compartir a esencia dunha cultura a través do seu legado.

A mostra recolle parte da historia africana coa representación da figura dos seus antergos en máscaras e estatuas. Ademais, ofrécese unha escolma da artesanía de distintos lugares incluíndo teas, coiros, xogos... así como elementos das crenzas e cerimonias relixosas.

A presidenta de Aida, Ibrahima Niang, explica que África ten unha superficie de case 30.500.000 Km2 cunha poboación que supera os 700 millóns de habitantes cun rápido crecemento que fai duplicar a densidade de poboación en trinta anos.

O Ecuador divide o continente en dúas partes e fai que a calor asolague o continente. Algunhas rexións sálvanse das altas temperaturas debido á altitude do seu terreo. En África atópase o deserto máis extenso do mundo, o Sáhara: o río máis longo cos seus 6.675 quilómetros, o Nilo-Kagera: e montes de neves perpetuas como o Kilimanxaro e mais o Kenia.

A exposición pode visitarse ata o 27 de outubro en horario de luns a venres de 18:00 a 21:30 horas, os sábados de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:30 horas e os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.
Descargar todas as imaxes