Escoitar

O Concello fai un chamamento para que se restrinxa o uso de auga

luns, 7 out 2002
Un dispositivo da Policía local e persoal da concesionaria Seragua velarán polo cumprimento do edicto sobre restriccións de uso de auga que entrou en vigor o domingo ás 24:00 horas. Esta decisión trasladaráselle aos concellos limítrofes que se fornecen de agua dos encoros de Eiras e Zamáns para que adopten medidas semellantes e á Xunta de Galicia para que teña coñecemento das necesidades de subministro de auga na zona.

O Concello deu orde aos servicios municipais para que cese totalmente o rego de xardíns e o baldeo de rúas. Ademais, fai un chamamento aos cidadáns para que avisen da utilización inadecuada da auga ou dos actos vandálicos que provoquen que se estrague. Calquera persoa pode avisar á Policía Local cando observe algunha irregularidade. Tamén se pon a disposión dos cidadáns o teléfono 986 37 99 66 de Seragua para avisar destes feitos. Habilitouse un servicio que se desprazará ao lugar dos feitos para evitar que sigan producíndose estes danos que prexudican a toda a cidadanía.

O encoro de Zamáns está ao 30% da súa capacidade e o de Eiras ao 48%. Do encoro de Zamáns subminístrase auga a Castrelos, Valadares, San Andrés de Comesaña, Matamá, Oia, Saiáns, Coruxo, Navia, Alcabre e Nigrán. Se no prazo dun mes non se producen chuvias suficientes, todas estas áreas poderían verse afectadas por restriccións máis severas de consumo.

O concelleiro de Parques e xardíns, Henrique Vieitez, destacou que o 37% dos xardíns dispón de sistemas de rego automático e o resto acciónase mediante bombas de auga que se poñían en marcha 2 ou 3 veces por semana. Vieitez explicou que o domingo uns descoñecidos activaron o sistema de rego na avenida de Samil e dirixiron os aspersores cara a calzada provocando un estrago de auga. Ademais, outros individuos abriron unha válvula que provocou o baleirado dun depósito de auga en Beade.