Escoitar

O Concello prohibe a utilización de auga para o rego, piscinas e baldeos

venres, 4 out 2002
A persistente falta de chuvia levou ao Concello de Vigo a activar os sistemas de alarma. O nivel dos encoros de Eiras e Zamáns continúa descendendo. O de Eiras está só ao 49,85% da súa capacidade de almacenamento, mentres o de Zamáns só chega ao 30,15%.

Ante o risco de que se produzan problemas de abastecemento de auga potable se continúa a seca, o Concello decidiu prohibir a utilización do subministro para rego, piscinas, garaxes particulares e baldeos. Só se autoriza o uso de auga para a atención das necesidades primarias (hixiene persoal e preparación de alimentos) e para uso comercial e industrial.

Os axentes da Policía Local, en colaboración coa entidade concesionaria do servicio, vixiarán o cumprimento desta orde e proporán, no seu caso, a apertura dos expedientes sancionadores que procedan.

A Administración municipal pide a colaboración de todos os cidadáns reclamando un uso racional e prudente da auga para optimizar o recurso e non verse obrigado a adoptar medidas máis drásticas.

O Concello publicará o domingo un edicto informando sobre estas decisións.