Escoitar

O Concello agarda a orde do xuíz para proceder á desinfección e desaloxo de animais dunha vivenda de Urzáiz

xoves, 3 out 2002
O concelleiro de Sanidade, Santiago Domínguez, explicou que tras recibir a autorización xudicial necesaria para retirar os animais que vivían nunha vivenda da rúa Rocío trasladouse persoal de desinfección, bombeiros e Policía local para proceder á limpeza do inmoble. Nestes momentos, agárdase outra autorización semellante, solicitada hai nove meses, para facer o mesmo noutra casa da mesma propietaria situada na rúa Urzáiz que se encontra en situación similar.

Membros da Asociación Camiño Vello puxéranse en contacto con Santiago Domínguez para informalo da situación da vivenda, que presentaba problemas de insalubridade desde hai unha década. O concelleiro recuperou o expediente e procedeu a solicitar do xuíz unha autorización para entrar na vivenda e solucionar o problema.

Esta semana puideron acceder ao inmoble e, no primeiro día de limpeza, recolleron 59 cans que foron trasladados á Protectora de animais. O concelleiro envioulle un escrito para evitar que se lle devolvan os cans á súa propietaria, posto que presentaban un estado de deterioro e abandono.

A dona dos animais posúe outra vivenda situada na rúa Urzáiz en condicións semellantes, pero o Concello está agardando pola autorización pertinente, que depende doutro xuíz, para proceder á desinfección do lugar.