Escoitar

O Concello rehabilita os muíños do río Eifonso

venres, 4 out 2002
imx1830.jpg
Visita ao muíño Eifonso
O alcalde de Vigo visitou os traballos de rehabilitación do conxunto de muíños situado á beira do río Eifonso, na parroquia de Bembrive. A concellería de Patrimonio Histórico é a impulsora da recuperación deste conxunto etnográfico, un proxecto que conta co apoio da entidade local da parroquia.

Castrillo sinalou ”a necesidade de poñer en valor a riqueza etnográfica de Vigo para darlle un uso educativo e social”. Crearase unha zona de lecer de 2.000 m2 cedidos pola entidade local de Bembrive á beira do río que servirá para promocionar o lugar cunha actuación complementaria de acondicionamento do contorno.

O río Eifonso dispón de 27 muíños que no seu conxunto forman un valioso testemuño etnográfico. O propósito do Concello é o de recuperalo e poñelo en valor acometendo nesta zona un traballo de recuperación do patrimonio que estará acompañado do acondicionamento do contorno. O obxectivo final é crear un espacio de lecer para os cidadáns onde se conxugue o atractivo natural con elementos da nosa tradición cultural.

Os muíños que se van restaurar en primeiro lugar son os denominados muíño da Pedrosa e muíño do Buraco.

O muíño da Pedrosa, agora case totalmente derruído, ten forma rectangular, conta cunha superficie de 23,65 m2 e consta de dúas estancias divididas por muros de pedra de 70 cm. de alto. O cubo é de sección circular e a súa altura supera en 2 m. a do muiño. A auga chega ao cubo a través dunha levada feita con cachotería que salva un desnivel de 3 m. A restauración consistirá na reconstrucción da cuberta e os muros, na reposición dos elementos orixinais e na instalación dos mecanismos do muíño. Cando rematen os traballos, o muíño poderá volver a funcionar.

O muíño do Buraco, de 20 m2, consérvase en mellor estado ca o anterior, pero as reconstruccións ás que foi sometido alteraron a súa forma orixinal. Neste caso, a rehabilitación centrarase na construcción dunha nova cuberta.

No contorno dos muíños crearase unha zona de recreo na que se plantará novo arborado. Tamén se recuperará unha pontella situada nas inmediacións.

O custo das obras é de 25.370 euros e poden estar rematadas a finais de ano.
Descargar todas as imaxes