Escoitar

O Concello instalará un centro de navegación en internet en Asefal

luns, 2 set 2002
O Concello de Vigo vai asinar un convenio con Telefónica, Telecomunicaciones Públicas S.A. para implantar na cidade un centro de navegación en internet. O centro, que se denominará “Naveganet” será utilizado para impartir cursos de internet a escolares e persoas maiores. Asemade, o Concello usará as instalacións para desenvolver clases de formación aos funcionarios municipais. O centro ubicarase no baixo e en parte do primeiro andar do edificio Asefal.

Subvencións da Concellería da Muller

A Comisión de Goberno aprobou a concesión das subvencións da Concellería da Muller correspondentes á convocatoria deste ano. En total, distribuiranse 44.000 euros entre asociacións de mulleres e vocalías da muller para a organización de actividades culturais, cursos de formación ou programas de saúde.

As asociacións beneficiarias de subvencións son: Concepción Arenal, Dorna, Accedo, Rosalía de Castro, Lua, Coordenadora Feminista de Vigo e Coordenadora da Marcha Mundial das Mulleres. Tamén recibirán subvencións as vocalías da muller de: CCOO, CIG, UGT, o Secretariado Xeral Xitano, Unión e Amistade, Asociación de Xordos, Érguete e as asociacións de veciños de Freixo, Poulo, Beade, Zamáns, Dr. Fleming, Navia, Candeán e Valadares.

Ampliación do contrato de mantemento de parques

A Comisión de Goberno decidiu ampliar o contrato suscrito para manter e limpar os parques da cidade co fin de incorporarlle espacios verdes creados recentemente. Desta maneira, a empresa adxudicataria deste servicio, Simco S.L., ocuparase a partir de agora do coidado do novo paseo liñal do Lagares, da zona verde das praias de Carril e Santa Baia, do parque de Comesaña, da zona forestal da Guía e das illas do 1º cinto de circunvalación.