Escoitar

Concello de Vigo e Zona Franca acordan ampliar as instalacións do Museo do Mar

luns, 2 set 2002
imx1716.jpg
Museo do Mar
O Pleno da Corporación municipal tivo coñecemento hoxe, no transcurso dunha sesión celebrada hoxe, do convenio de colaboración asinado entre o alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o delegado do estado no Consorcio da Zona Franca, Pablo Egerique, para ampliar as instalacións do recentemente inaugurado Museo do Mar e para acondicionar o contorno da praia da Mourisca.

No convenio, o Concello comprométese a cualificar no próximo Plan Xeral como solo urbano afecto e vinculado para usos e dotacións complementarias do Museo do Mar unha parcela de 7.200 m2 situada a carón deste equipamento cultural. Esta parcela acaba de ser adquirida polo Consorcio.

Esta cualificación urbanística permitirá construír edificacións complementarias do museo e ampliar o espacio de aparcamento previsto para dar servicio a esta dotación. Ademais, o Consorcio cederalle ao Concello o espacio situado fronte á praia da Mourisca, para que se poida continuar por esa zona o paseo marítimo previsto entre Samil e o Museo do Mar. Así mesmo, abrirase unha rúa dende a Avda. Atlántida ata a praia, que o Consorcio da Zona Franca se compromete a cederlle urbanizada ao Concello.

Lois Castrillo referiuse a este convenio como un exemplo máis da fructífera colaboración entre o Goberno municipal e a Zona Franca e salientou que con esta actuación se contribuirá a mellorar esteticamente o contorno do Museo do Mar, a dotalo con máis servicios e tamén a avanzar no ambicioso proxecto de unir Bouzas con Samil a través dun paseo á beira do mar respetuoso co medio natural.
Descargar todas as imaxes