Escoitar

Chus Lago presenta un "Camiño a Camiño" para todas as idades e cunha ampla oferta de actividades

A concelleira de Medioambiente presentou este xoves a programación do primeiro trimestr desta popular iniciativa de saúde e educación ambiental, que desta volta continúa cos roteiros pola cidade e suma novas saídas fóra do municipio, programa actividades específicas para a xuventude e a infancia, e engade un novo apartado de cursos e voluntariado ambiental.

xoves, 19 xan 2012
1326976217chus.jpg
O "Camiño a Camiño" márcase coma obxectivo superar os 4000 participantes da campaña anterior, así como introducir novidades destacadas na programación. Chus Lago deu conta das actividades do primeiro trimestre e avanzou programación do segundo.

A primeira actividade do 2012 terá lugar o domingo 29 de xaneiro cunha visita ao humidal do Vao, con ruta desde Praia da Fonte. A inscripción para esta abrirase o próximo luns no teléfono 010.

Rutas clásicas por Vigo e bisbarra
Durante a tempada 2012, o programa vai contar con rutas clásicas por Vigo e bisbarra. Co gallo da celebración do día das zonas húmidas (2 febreiro), iníciase un primeiro bloco de actividades coa visitas ás principais zonas húmidas do concello: o Vao, a Bouza e Muíños-Goberna. Nestas visitas terase ocasión de contemplar as actuacións de acondicionamento realizadas pola Concellería de Medio Ambiente nos últimos anos.

As seguintes rutas por Vigo e bisbarra terán lugar na Península do Morrazo, podendo contemplar toda a formación da ría de Vigo, a súa orografía e a climatoloxía particular da que dispón.

O sendeiro das Greas (GR-58) será o seguinte reto a cumprir polos participantes de Camiño a Camiño. Neste primeiro semestre está previsto realizar 6 das 12 etapas que conforman este espectacular e extenso roteiro (206 km) que discorre por todos os municipios da mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo.
No segundo trimestre está previsto, ademais de continuar co sendeiro das Greas, realizar un percorrido por todos os faros da ría de Vigo, tanto os existentes na península do Morrazo e nas Illas Cíes, como na cidade olívica. Precisamente estes últimos realizaranse en rutas nocturnas.

Rutas por Galicia
Como continuidade á experiencia da primavera de 2011 e dada a elevada demanda, vaise reeditar durante os meses de febreiro e marzo a visita á cova mais grande de Galicia, con mais de 7500 m de lonxitude. No interior poderase ver unha fantástica paisaxe de salas e galerías, así como intuír como o río interior que a atravesa traballa de seguido o macizo calizo.
Durante os meses de abril e maio está previsto realizar roteiros por Cabeza de Manzaneda e polas Médulas.

Actividades infantís e familiares
A iniciación á calquera disciplina deportiva cómpre realizar dende idades tempranas. No caso da disciplinas relacionadas coa natureza tamén: espeleoloxía, escalada, orientación, etc. Por tal motivo, durante o 1º trimestre de 2012 vaise desenvolver un programa de iniciación a deportes na natureza dirixido ao público infantil (8 a 14 anos) e, segundo os casos, coa posibilidade de ser acompañado polos pais e nais ou familiares.

En concreto está previsto a Visita á Cova de Cortiñas (Bierzo) o 25 de febreiro. Dada as características da actividade, cómpre realizar a inscrición no 010 entre os días 30 de xaneiro e 2 de febreiro.

De cara a iniciarse na técnica de escalada, está previsto realizar unha actividade para toda a familia o sábado 3 de abril na Praza da Independencia, onde se montarán varios rocódromos portátiles.

Entre o 10 e o 31 de marzo desenvolveranse catro xornadas de actividades infantís co obxecto de introducir aos mais cativos nos deportes de aventura. Terase ocasión de aprender técnicas básicas de orientación, treking, rappel, etc no entorno do embalse de Zamáns. Asemade, intercalaranse estas actividades con exercicios de interpretación ambiental a cargo de monitores especializados, onde se montará un laboratorio de campaña dotado de diverso instrumental como un microscopio dixital ou cámaras fotográficas.

Cursos e Voluntariado medioambiental
Durante o mes de febreiro continúanse cos cursos de iniciación ao snorkel co obxecto de que os participantes teñan os coñecementos básicos para que poidan realizar observacións mariñas nas praias da cidade.

Tamén co obxecto de preparar aos participantes nas actividades de voluntariado medioambiental que se desenvolverán nas Illas Cíes tanto en semana santa como no verán, están previstos diversos cursos de iniciación ao voluntariado medioambiental.

Proceso de inscrición
Toda a información de Camiño a Camiño estará dispoñible na web da Concellería de Medio Ambiente, no blog de Camiño a Camiño (http://caminoacaminovigo.blogspot.com/) e no servizo de información ao cidadá 010.

O proceso de inscrición terá lugar entre o luns e o xoves previo a cada actividade por vía do 010. Terán prioridade os cidadáns empadronados en Vigo.

No caso das actividades fóra do termo municipal de Vigo no programa está previsto que os participantes asuman os custes de desprazamento segundo as indicacións explicitadas na web e no 010.
Descargar todas as imaxes

Máis información