Escoitar

Últimos días da exposición YOU ARE NOT ALONE no MARCO<br />

O MARCO clausura o vindeiro domingo 22 de xaneiro a exposición YOU ARE NOT ALONE, mostra colectiva, coproducida por MARCO, Fundación ArtAids e Fundació Joan Miró, e que reúne obras de 18 artistas contemporáneos de todo o mundo, cunha mirada innovadora sobre a causa, as consecuencias e o contexto actual do VIH/SIDA, así como sobre as formas para combatelo. Con motivo da clausura o venres, ás 12 horas, terá lugar un acto simbólico de concienciación no que o Grupo Imán confeccionará nas escaleiras do MARCO un grande lazo vermello mediante a técnica do trencadís.

mércores, 18 xan 2012
1326891371marcoxaneiro12.jpg
A Fundación ArtAids utiliza a arte como medio de loita contra o VIH/SIDA, convidando a artistas recoñecidos a producir obras de arte, que son utilizadas como medio de sensibilización e dunha maior implicación. ArtAids foi fundada polo mecenas e escritor de orixe holandesa residente en Barcelona, Han Nefkens.

Acto simbólico

Por iniciativa do Programa Grupo de Autoaxuda VIH-SIDA e Adicións IMÁN da Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo, este venres 20 de xaneiro ás 12.00 terá lugar fronte á fachada principal do MARCO unha actividade sociocomunitaria con motivo da próxima clausura da exposición YOU ARE NOT ALONE.

"O Grupo Imán pretende recoñecer así ante o conxunto da cidadanía o valor desta iniciativa, coproducida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, a Fundación ArtAids e a Fundació Joan Miró, que supón unha forma verdadeiramente innovadora de sensibilizar á opinión pública sobre o VIH-SIDA a través da arte".

No transcurso deste acto, o Grupo Imán confeccionará nas escaleiras do MARCO un grande lazo vermello mediante a técnica do trencadís.

O devandito acto inscríbese na liña de actividades paralelas da exposición YOU ARE NOT ALONE, organizadas dende o MARCO en colaboración con distintas entidades, asociacións e ONG.
Descargar todas as imaxes