Escoitar

O Concello cooperará cos propietarios de 600 vivendas de Coia para dotar a 74 edificios de ascensores

Abel Caballero avanzou a súa intención de liderar un proxecto que permita que 600 vivendas de Coia, de edificios dos anos 50 e 60, dispoñan de ascensor interior. O obxectivo é que propietarios e Concello, con axudas do Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación, cooperen na busca de fórmulas de finazamento para viabilizar unha iniciativa da que se beneficiarían a 1.500 veciños da zona.

mércores, 18 xan 2012
1326893169coia.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo esta mañá unha reunión coa Asociación O Torreiro de Coia na que lle trasladaron unha iniciativa para dotar de ascensores interiores a 74 edificios, de 4 e 5 alturas e construídos nos anos 50 e 60. "Trátase dun proxecto que compartimos e que e no que levamos traballando un tempo desde Urbanismo", indicou. As 600 vivendas afectadas, explicou, distribúense en 74 inmobles dispostos nas seguintes rúas: 24 na Avenida de Castelao, 8 en Salvaterra, 5 en Silleda, 9 en Estrada, 2 en Núñez de Balboa, 3 en Ponteareas, 5 en Mondariz, 5 en Soutomaior, 8 en Redondela e 4 Baiona.

O obxectivo é desenvolver o proxecto en tres fases, coincidindo coa distribución en mazás dos edificios, para beneficiar a unhas 1.500 persoas. Na mesma liña, aludiu a esta iniciativa como a resolución a un problema urbanístico e, sobre todo, social posto que "a maior parte destas vivendas están habitadas por xente maior con dificultades de mobilidade".


Durante a súa comparecencia cos medios, Caballero abogou pola cooperación "a tres bandas" entre os propietarios e Concello, solicitando axudas ao Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012. Nesta liña, explicou que este organismo pode proporcionar axudas de ata o 75 por cento do custo das obras e, no caso do Concello, a colaboración chegaría coa aplicación de todas as bonificacións posibles no seu grao máximo, por exemplo, no imposto de construcións. Avanzou que "hoxe mesmo imos enviar cartas aos presidentes da comunicades dos edificios" para convocalos a unha reunión informativa e, a partir de aí, falaremos con todos os propietarios dos edificios e procederemos á apertura no Conccello dunha ventanilla única que facilitará todos os trámites administrativos.

Esta iniciativa, proseguiu, é imporante, primeiro, porque solucionamos un problema serio nestas vivendas e, segundo, porque "establecemos un modelo que, si funciona, podemos extendelo a outras zonas da cidade como Gran Vía o As Travesas", puntualizou.