Escoitar

Máis de mil rapaces achegáronse ao programa de primavera de ”Xogas?, en galego podemos”

venres, 21 xuñ 2002
A praza do Rei será o escenario da ”Festa do verán”, organizada pola Concellería de Normalización Lingüística, que pechará a edición de primavera do programa ”Xogas?, en galego podemos” no que participaron máis de 1.000 rapaces. A cita será o domingo 23 de xuño de 18:30 a 20:00 horas na praza do Rei e contará con malabares, obradoiros, danzas, cancións e espectáculos para os máis pequenos.

Haberá actividades con paracaídas, obradoiros de maquillaxe, animaliños con vasos de plástico, colares con sopa de cores, bonsais con aramios, bingo de nomes e xogos cooperativos e populares, entre outros. Estas actividades estás organizadas polo Servicio de Normalización Lingüística en colaboración con Abertal e Galicia Tempo Libre.

Normalización Lingüística pretende, mediante esta programación de “Xogas?, en galego podemos” ofertarlles aos cativos a posibilidade de relacionarse con outros a través de actividades de dinamización lingüística. Este programa favorece o desenvolvemento da comunicación en lingua galega entre os rapaces que son quen de falalo pero que se vén na obriga de restrinxir o seu uso, xa que o castelán se impón como lingua de relación na maioría dos ámbitos.

Os pequenos participaron durante os meses de maio e xuño en xogos e obradoiros de natureza nos que elaboraron comedoiros para paxaros e probas de natureza, en xogos cooperativos, cancións e obradoiros. Celebrouse a “Festa do aire”, na que os nenos aprenderon cancións e danzas de animación e participaron en xogos con paracaídas e en obradoiros de confección de papaventos e muíños de vento. Ademais, tiveron a oportunidade de introducírense no montañismo noutra das actividades organizadas.

A praza da Independencia, o parque da Riouxa, o parque da Bouza, a praza do Berbés, Bouzas, Castrelos e a praza do Rei foron os espacios nos que se desenvolveu esta programación de ”¿Xogas, en galego podemos” na que participaron Galicia Tempo Libre, Alternativa Vaivén, Abertal, Montañeiros Celtas e Galego 21.org