Escoitar

O proxecto ”Asiste” acadará a inserción laboral de desempregadas e potenciará o sector profesional da axuda domiciliaria

venres, 21 xuñ 2002
O proxecto “Asiste”, promovido pola Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego e subvencionado polo Fondo Social Europeo con 879.994 €, comezou a traballar co seu primeiro grupo de beneficiarias, distribuídas nun curso de infancia e dous cursos de auxiliar de axuda a domicilio con 15 mulleres cada un deles. O resto das persoas seleccionadas para formar parte deste programa de emprego, ata un total de 170, está previsto que se incorpore de forma sucesiva os vindeiros meses.

Os beneficiarios do “Asiste”, nun 95% mulleres, son maiores de 45 e menores de 25 anos, cunha formación académica baixa e cunha antigüidade no desemprego de máis dun ano: axeitándose así ó perfil delimitado pola chamada convocatoria europea “Subvención Global”, na que se enmarca este programa de emprego. Un equipo técnico constituído por doce persoas, entre elas, unha coordinadora e seis orientadoras laborais, levou a cabo o proceso de selección a partir dunha lista remitida polo Servicio Público de Emprego, realizando entrevistas de forma individualizada.

Na actualidade, e xa establecidos polas orientadoras os itinerarios formativos de cada unha das persoas participantes, comezouse a impartir módulos de Habilidades Sociais ós tres primeiros grupos de beneficiarias, como fase previa á súa posterior formación en auxiliar de axuda a domicilio ou atención á infancia, dependendo da especialidade escollida.

Hai que destacar a formulación integral deste proxecto, xa que durante os doce meses de duración, acadará un dobre obxectivo, por unha banda de formación para a inserción laboral de desempregados, e por outra de mellora do benestar social dos vigueses, coa potenciación do servicio de atención domiciliaria a menores e a maiores.