Escoitar
Agárdase que máis de 2.000 mozos participen nesta convocatoria das novas expresións xuvenís

Comeza a nova edición de Castrobule

mércores, 19 xuñ 2002
O Castro comeza a súa tempada de verán con variados espectáculos alternativos programados pola Concellería da Xuventude, dentro do programa “Súbete ó Castro”. As previsións falan de que acudirán uns 2.000 mozos para embeberse das novas formas culturais. Outro dato fala dos aproximadamente 150 chavales que están na parte máis activa: como músicos, pintores e animadores dos distintos obradoiros.

Xuventude de Vigo celebra así a segunda edición desta convocatoria dedicada ás tendencias máis novas da expresión xuvenil, xusto nun momento en que o Monte do Castro está experimentando un punto de inflexión na súa habitabilidade nocturna.

Quedaron atrás os domingos en que o Castro amencía cheo de lixo, provocando a incomodidade dunha parte da sociedade viguesa. Os mozos que acoden a divertirse ó aire libre utilizan agora maioritariamente os contedores de lixo e participan nas actividades que alí teñen lugar, como este Castrobule ou o programa Castro-funil, que ten lugar algúns fins de semana.

O novo comportamento dos mozos foi igualmente estimulado polas Brigadas Verdes, que persuadían ós usuarios do parque a que utilizasen os depósitos de lixo.

A tarde do vernes comezará a notarse a presenza de centos de mozos que participarán nas actividades de ocio alternativo, como a realización de trenzas africanas, a elaboración de cócteles sen alcohol ou a exposición de fotografías.

Na noite, os grupos rock vigueses El Resto, Nostromo, Amuar Cohcs e WC Hero poñerán a primeira fase do concerto, que seguirá a noite do sábado coa megasesión rap, na que participarán El ser y ser, La Konsigna, Slowlee, GP Delice, Delahoja, El elemento, Enuma Elish, Sintonía ghetto, Premier class, Dafank e La Familia.

A tarde do sábado expoñeránse fotografías e bocetos de cómic, haberá obradoiros de tatuaxes de henna, trenzas e cócteles, así como concentracións e exhibicións de skate, grafitti, roller e break-dance. As actividades romperánse ás 8 da tarde para sortear agasallos cedidos por diversas casas comerciais, e que darán paso ó concerto de rap, que se prevé que dure ata as 2 da madrugada.

A organización ademáis editou unha publicación monográfica, formato xornal, coa que se apoiará a promoción das actividades. Nela, varios mozos publicaron as súas colaboracións sobre música, graffiti, cultura manga ou o cómic.