Escoitar

O Pleno rexeita as medidas do Goberno central para a reforma do sistema de protección por desemprego

martes, 18 xuñ 2002
imx1567.jpg
Sesión plenaria
O Pleno do Concello de Vigo manifestou o seu rexeitamento ás medidas aprobadas polo Goberno e reclama a derogación do Real Decreto Lei 5/2002 de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade e insta ao Goberno a retomar un proceso de negociación cos axentes sociais e as comunidades autónomas que lle permita ao Estado español converxer en termos de emprego e protección social coa media da Unión Europea.

Moción conxunta presentada por BNG, PSOE e Provi

España é o país europeo con maior taxa de desemprego e, sen embargo, está segundo datos da OCDE entre os que menos gasto dedica á protección social, con periodos de protección aos parados insuficientes. O 44% dos parados non percibe ningunha prestación económica e a maioría dos que sí a reciben cobran simplemente un subsidio de 330 euros ao mes. O Estado recada a través das cotizacións dos traballadores máis do que dedica a prestacións por desemprego, o que xerou un excedente, entre xaneiro e novembro de 2001, de 3.600 millóns de euros que se destinaron a outras políticas.

A Federación Española de Municipios e Provincias recoñece que a crecente expulsión de persoas do sistema de protección vai obrigar aos Concellos a detraer das súas arcas recursos para atender novas necesidades cidadás. A FEMP chega a afirmar que “parecera como se á Administración do Estado aínda lle resultara insuficiente con deixar de aportar ao Plan Concertado de Servicios Sociais o financiamento da parte que lle corresponde, pretendendo que as administracións locais teñan que asumir a atención de necesidades básicas ata agora satisfeitas pola acción protectora da Seguridade Social”.

Unha somera análise da reforma do sistema de protección por desemprego aprobada polo goberno descobre medidas que supoñen un claro deterioro de dereitos sociais e que xustifican a oposición a esta reforma por inxusta, ineficaz, porque non mellora o funcionamento dos Servicios Públicos de Emprego e porque ademais creba o diálogo social:

- Recórtanse as prestacións por desemprego e restrínxese o acceso ás mesmas. Así, os contratos de inserción non darían dereito ás prestacións: négase a protección por desemprego a traballadores fixos discontinuos: impídese a moitos parados o acceso á prestación ao computarse como renda as indemnizacións por despido e a vivenda como patrimonio...

- Implántase a obriga de aceptar un “emprego axeitado”, o que introduce discrecionalidade á hora de impoñer sancións aos parados e os forza a aceptar ofertas de traballo aínda que as súas condicións sexan inaceptables dende o punto de vista económico ou familiar.

- Abarátase o despido ao recortarse os dereitos que hoxe teñen recoñecidos os traballadores no tempo que media entre o momento en que son despedidos e o instante en que o xuiz dictamina que o despido é improcedente (supresión dos salarios de tramitación)

- O sistema de protección por desemprego deixa de ser un dereito e concíbese como unha concesión administrativa.

- Utilízanse as prestacións por desemprego como compensación de salarios para determinados colectivos co obxectivo de beneficiar aos empresarios.

- Rómpese o diálogo social, valor esencial da vida democrática.

En Vigo, como en toda Galicia, o do paro é un dos maiores problemas aos que se enfronta a nosa sociedade. A finais de 2001 o número de parados en Vigo e a súa área acadaba a cifra de 27.397 persoas. Só a metade reciben prestacións por desemprego. A reforma do Goberno, en canto de suxerir fórmulas para atender convenientemente este colectivo, recorta o seu sistema de protección.

Por todo isto, entendemos a inquedanza que causa en amplos sectores sociais o decreto que reforma a protección por desemprego e manifestamos a nosa comprensión coas accións daqueles cidadáns que, de forma democrática e pacífica, expresan a súa disconformidade con estas medidas.

Asemade, o Pleno do Concello de Vigo manifesta o seu rexeitamento ás medidas aprobadas polo goberno, reclama a súa derogación e insta ao goberno a retomar un proceso de negociación cos axentes sociais e as Comunidades Autónomas que permita ao estado español converxer en termos de emprego e protección social coa media da Unión Europea.

Este acordo trasladarase aos distintos grupos parlamentarios do Congreso e Senado.
Descargar todas as imaxes