Escoitar

Oasis actuará o 24 de xullo no programa das “Festas de Cristo”

luns, 17 xuñ 2002
imx1563.jpg
Oasis
A concelleira de Festas e Animación Sociocultural, Isaura Abelairas, presentou o concerto que ofrecerá Oasis o próximo 24 de xullo no Auditorio do Parque de Castrelos, no que será o peche da súa xira española deste verán, tras actuar en Barcelona, Mallorca e Salamanca.

Nun intento por non perder a oportunidade de conseguir os mellores grupos musicais, a concellería de Festas e Animación Sociocultural, traerá a Vigo o grupo Oasis, cun custo de 120.000 euros, para as “Festas do Cristo”, que comezaron o pasado sábado.

As entradas, están a venda cun prezo de 12 euros, de forma anticipada e 15 na taquilla. Lp, El Corte Inglés e a Central de espectáculos serán os puntos de venda en Vigo, aínda que os seguidores desta banda tamén poderán adquirilas en Santiago ou na Coruña. Así como gracias a un convenio coa Caixa, os boletos tamén se poderán adquirir na dirección da web, www.servicaixa.com, por un prezo de 12,90 euros.

A historia de Oasis é, na práctica, a historia de Noel e Liam Gallagher, os dous auténticos protagonistas do grupo e cunha traxectoria propia das estrelas da música.

O grupo naceu en Manchester da man dos dous irmáns, moi diferentes entre si, pero que finalmente atopan un rumbo común no mundo da música.

Mentres que a Liam lle gustaba máis o fútbol que a música, Noel aprendeu a tocar a guitarra moi cedo, interpretando temas dos Beatles.

Nese mesmo camiño o maior dos Gallagher comezou a súa andaina traballando como técnico nas xiras da formación “Inspiral Carpets”, unha banda do estalido de Manchester.

Por aquel tempo tamén dous mozos alcumados “Bonehead” (guitarrista de acompañamento) e “Guigsy” (baixista) decidiron formar un grupo, “The Rain”, ó que se incorporou Liam como vocalista, tras realizar unha audición. O cuarto integrante foi Tony McCarroll, que ocupou o posto de batería.

De regreso a Manchester, Noel, que recorrera medio mundo cos “Inspiral Carpets”, enterouse da existencia do grupo do seu irmán e decidiu ir velos actuar no club Broadwalk (18 de xulio de 1991). Tan só lle fixo falla unha demostración acústica de “Live Forever” para unirse á banda, que entón cambiou o seu nome por o de Oasis e comezou a dar concertos en pequenas salas e pubs.

Noel, que naquel momento era o que dispoñía de maiores recursos económicos, decidiu comprar o equipo á banda e comezaron a ensaiar nun cuarto situado ó lado do Broadwalk. Dous meses despois, o 19 de outubro de 1991, regresaban ó mesmo local para estrearse en calidade de quinteto.

O seguinte paso de Oasis foi gravar un demo con oito temas que Noel tratou de distribuír por Manchester. Aquel traballo, sen embargo, só obtivo unha breve pero entusiasta crítica da publicación City Life e o desinterese máis enervante do selo Factory.

Un segundo demo permitiulles actuar no festival In The City, aínda que os managers e A&R citados continuaron coa súa liña e case non prestaron atención a Oasis.

A banda, nembargantes, non desistiu no seu empeño, e durante os doce meses seguintes continuou enviando cintas ás compañías discográficas, mentres continuaba cun arduo traballo de preparación, xa que Noel obrigaría ó seu irmán e ó resto dos compañeiros a ensaiar de tres a cinco días por semana.

A grande oportunidade de Oasis chegaría o 31 de maio de 1993 cando se enteraron gracias a unha banda de amigas súas (“Seven Sisters”) de que Alan McGee (“presidente” do selo Creation) ía ir ó King Tut’s Wah Wah Hut de Glasgow a ver á súa última fichaxe (o grupo “18 Wheeler”).

A banda de Manchester non quixo perder esta oportunidade, e “obrigou” ó dono do local a que lles deixara tocar esa noite, acadando finalmente o seu visto bo.

Conta a lenda que antes de que Oasis rematara o seu primeiro número, McGee xa envorcara a metade dunha botella de Jack Daniel’s sobre a súa testa, proclamando que Liam Gallagher era a mestura entre John Lydon e John Lennon, que el estivera agardando desde que se fundou Creation. O 22 de outubro de 1993, Creation convertíase na envexa de tódalas discográficas en Inglaterra cando Oasis firmou con eles, con Sony tomando os dereitos para o resto do mundo.

Pero aquel non foi o único golpe de sorte de Oasis nos comezos. No camiño da banda cruzouse tamén Ian, un dos coñecidos de Hacienda Club, que inmediatamente pediulle ós Gallagher unha copia do seu traballo para amosarlla ó seu irmán menor, Johnny Marr (de The Smits), o heroe de Noel.

Marr escoitou a cinta e foi ver a Oasis ó Manchester´s Hop & Grapes. A impresión non puido ser mellor, e nunha reunión con Marcus Russell, executivo de Ignition, faloulle sobre esta magnífica nova banda.

Xa baixo o auspicio de Ignition comezarían a abrir os concertos de quen se lles puxera a tiro. Despois de todo este apoio (máis algunhas críticas moi alentadoras en NME e Melody Maker) comezou a carreira fulgurante do grupo.

O 11 de Abril de 1994 saíu á venda o seu primeiro sinxelo “Supersonic” que entrou directamente ó nº 31 das listas independentes do Reino Unido. A este seguíronlle outros temas como “Shakermaker”, “Live Forever”, “Cigarettes and Alcohol” e “Whatever” (non incluída en ningún álbum) e finalmente o seu disco debut Definitely Maybe, (30 agosto de 1994) que se colocou no primeiro posto das listas británicas.

1995 foi un bo ano para a banda de Manchester, tanto desde o punto de vista persoal como desde o profesional. No terreo profesional os Oasis conseguiron varios premios Brit, ó Mellor Grupo Revelación e Mellor Single por “Live Forever” e gravaron o seu segundo traballo “(What’s the story) Morning Glory?” (2 de outubro de 1995), mentres que no persoal, os irmáns Gallagher sorprenderon coas súas respectivas vodas.

Por outra banda, ese mesmo ano prodúcese a expulsión do grupo do batería Tony McCarroll, posto que ocupou, trala súa marcha, Alan White (irmán do batería que acompaña a Paul Weller nas súas actuacións).

En 1996, tras acadar o número un nun sinfín de países con “Wonderwall” e recibir unha grande cantidade de premios, Oasis convértese nun fenómeno mundial e percorre toda a xeografía cos seus concertos.

Pero, en setembro dese ano, cando se atopaban en Estados Unidos, a xira interrómpese tras diversas liortas e discusións entre Liam e Noel, chegando a falarse dunha disolución da banda.

Afortunadamente todo quedou en rumores, e no ano 1997, superadas as diferencias, o grupo reaparece na escena musical co seu terceiro álbum de estudio: Be here now (21 de agosto de 1997), do que se extraen sinxelos como “D’You Know What I Mean?”, “Stand By Me” e “All Around The World”. Este traballo sorprende cunhas elevadas cifras de ventas, xa que logo só na primeira semana chegan ás 696.000 copias.

Coa xira de presentación deste traballo, que se prolonga ata os primeiros meses do ano 1998, Oasis percorre tamén múltiples países, entre eles España, país que se rende o bo traballo e posta en escena dos irmáns Gallagher.

O resto do ano presentouse máis relaxado, pois a única novidade foi a publicación do álbum recopilatorio cos mellores b-sides do grupo, The Masterplan.

Orixinalmente destinado só ós mercados non británicos, este novo disco, contén 14 cancións das 33 que lanzara o grupo como lados B desde “Supersonic”, o seu primeiro sinxelo.

O ano 1999 sorprende á banda coa marcha, en tan só unhas semanas, de dous dos seus compoñentes (únicos membros orixinarios de The Rain que quedaban): Bonehead y Guigsy. A marcha supliuse rapidamente coa entrada en Oasis de Gem, á guitarra, e Andy Bell, baixo.

A principios do mes de decembro, Oasis da varios concertos en emisoras de radio estadounidenses para presentar as cancións do seu próximo traballo. En ese mesmo mes, o día de Nadal, estrease o primeiro sinxelo de Standing On The Shoulder Of Giants (“Go Let It Out”), editado meses despois.

Este traballo foi definido por Noel como o disco máis psicodélico dos gravados pola banda. Pero, ademais dos toques psicodélicos, este novo álbum estaba, segundo os seus autores, “conscientemente cercano a la cultura dance”.

Nese intre da traxectoria musical de Oasis, os irmáns Gallagher querían que o son dos discos de música electrónica empapara o aire pop do seu traballo.

Nesa dinámica recrutaron a Mark “Spike” Stent, artífice do son de Madonna, Björk ou Massive Atack.

A saída o mercado deste novo traballo estivo marcada por dous cambios, un de eles nos compoñentes da banda, xa que coincide coa substitución do guitarrista Paul Arthurs e o baixista Guigsy McGuigan por Gem e Andy Bell, respectivamente.

A segunda novidade foi o pase de Oasis a outra discográfica, xa que abandonan Creation (a casa que os descubriu) e “fichan” pola multinacional Sony.

O 13 de novembro de 2000 a banda de Manchester sorprende os seus fans co primeiro álbum en directo da súa carreira, Familiar to Millions. Este traballo incorpora o concerto do 21 de xulio no mítico estadio de Wembley, onde tocaron ante 150.000 persoas, así como 3 bonus tracks gravados en outras actuacións da xira mundial.

Este verán volverá a soar a Oasis, coincidindo coa actuación en Vigo a banda ten previsto sacar o mercado o novo traballo. Será a continuación de Standing on the Shoulder of Giants e titularase Heathen Chemistry.

A primeira mostra deste álbum, o sencillo “The Hindu Times”, xa está na rúa, e xa logrou meterse ó público no peto, chegando a situarse nos primeiros postos das listas en Italia, Reino Unido e Canadá.

O álbum, que consta de 11 novas cancións, foi producido pola banda xunto ó enxeñeiro de son e remezclador Mark “Spike” Stent, que colaborou no anterior. Nel os seus seguidores poderán atopar ademais temas compostos polos novos integrantes do grupo, Gem Archer e Andy Bell. Así, por exemplo, este último escribiu o tema “Hung in a bad place”.

Pola súa banda Liam Gallagher contribuíu con “Songbird”, e Noel Gallagher puxo a voz ó corte “Force of Nature”, un tema que recentemente apareceu na película británica, “Love, honor and obey”.


MÁIS INFORMACIÓN

Descargar todas as imaxes