Escoitar

Caballero anuncia a apertura gratuita de VigoZoo durante unha semana e a posta en marcha dunha exposición itinerante pola cidade

Por mor do corenta aniversario do recinto vigués, o alcalde de Vigo anunciou que o acceso a VigoZoo será de balde durante unha semana, unhas xornadas de portas abertas ás que súmase unha exposición fotográfica na liña C3 do autobús urbano e unha mostra itinerante que visitará Príncipe, Samil e o Vao. Caballero felicitou á concelleira de Medioambiente, Chus Lago, e explicou que este ano o zoo agarda a visita de 120.000 persoas.

mércores, 27 xul 2011
1311770708zoo.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe mércores que VigoZoo será gratuito ata o próximo mércores inclusive para os visitantes e levará por distintos puntos da cidade unha mostra fotográfica sobre o recinto de A Madroa.

VigoZoo celebra en 2011 o seu 40 aniversario, polo que o alcalde de Vigo anunciou esta semana de portas abertas -que comeza hoxe mesmo- e a organización dunha mostra fotográfica sobre o pasado e o presente dos animais do recinto vigués, exposición que será itinerante e estará presente en Príncipe, Samil ou O Vao: "queremos que a cidade e todo o entorno coñeza ben o que hai aquí", apuntou.

Abel Caballero afirmou asemade que varios vehículos do transporte urbano de Vigo que percorren a liña C3 portarán unha mostra fotográfica do parque vigués, que este ano agarda a visita de 120.000 persoas. O rexedor olívico recordou que o organismo autónomo dependente da Concellería de Medioambiente organiza este verán varios campamentos para rapaces.

O primeiro edil asegurou que "é un pracer visitar o zoo de Vigo", no que o goberno local investiu case un millón de euros en melloras nos últimos anos, entre os que subliñou o nocturama, o recinto dos lobos -cunha partida de 200.000 euros- e unha nova instalación que será aberta ao público próximamente. Caballero apuntou que o obxectivo do Concello é contar cun parque "modélico e exemplar".
Descargar todas as imaxes