Exposición "O tempo é un círculo"
Ata o vindeiro 10 de xullo a Casa das Artes de Vigo ofrece a oportunidade de coñecer a mostra de Menchu Lamas "O tempo é un círculo". Presenta obras de gran formato que abranguen dúas décadas da sua traxectoria, incluindo a década dos 90 e despois o periodo que vai do ano 2000 até agora. Recolle unha escolma das obras máis significativas no evoluir da artista nestas dúas etapas ben diferenciadas.
Unha xeira correspondente aos anos 90 centrada nas composicións minimalistas e configurada por solemnes formas simbólicas na procura do esencial. A etapa seguinte defínese ao redor da poética do xesto e da intensidade cromática. Un itinerario que vai da xeometría simbólica até a pulsión xestual. Trinta grandes pinturas con pezas como "Ela-chuvia" <300x600 cm>, "Fronteira" <300x400 cm>, "Mirada" <250x250 cm> até chegar a "Noite" <250x200 cm> do ano 2011.
O denominador común, que agroma case a xeito de paradigma das obras dos anos 90, vai ser a importancia central asignada á xeometría. Trátase talvez do momento máis depurado do seu labor, nunha opción de síntese, coa presenza do círculo, triángulos, diagonais, bandas horizontais e liñas descontinuas que establecen singulares estruturas de tensión no cerne das súas composicións.
A proposta da artista viguesa está sustentada nunha persoal aleación entre abstracción e figuración: facendo a descuberta dun mundo intermedio (onde realidade e soño fusionan). Falouse da intensidade simbólica no seu traballo. Un proceso onde a memoria viva e mais a tensión do presente establecen un diálogo entre formas ancestrais, evocacións primordiais e mais o axitado repertorio de paradigmas urbanos. Ás veces un cromatismo pop introduce unha rechamante vitalidade, xerando unha contundente chamada visual inzada de intensa plenitude envolvente. Para Fernando Castro Flórez un rasgo continuo na pintura de Menchu Lamas é a de "paixón cromática".
Descargar todas as imaxes