Escoitar

O Concello protesta pola ubicación dunha feira de artesanía xunto á estación da ría

luns, 1 xul 2002
O Goberno municipal acordou trasladarlle á Autoridade Portuaria o seu malestar pola autorización outorgada para que unha feira de artesanía instale os seus postos no contorno da estación da ría. O Goberno viu con sorpresa como se colocaba unha morea de casetas ao redor da escultura do Nadador de Leiro, desvirtuando a estética dunha das zonas máis emblemáticas da cidade.

O equipo de Goberno considera que ese non é o lugar axeitado para ubicar unha feira desas características, e menos aínda en pleno periodo estival, no que a zona recibe a visita de milleiros de turistas. No Concello tamén se pensa que a instalación das casetas vai provocar dificultades para os servicios de limpeza.

O Goberno vigués cre que o porto demostrou unha vez máis neste caso falta de sensibilidade para coa cidade, polo que se lle pide que reconsidere a autorización outorgada para a ocupación dese espacio público. Ademais, o Concello vaille solicitar á Autoridade Portuaria que, no futuro, consulte á Administración municipal antes de dar permisos de ocupación nesa zona de Abrir Vigo ao Mar.