Escoitar

Conferencia do editor Emilio Sdun no Verbum

O vindeiro mércores 2 de febreiro, como actividade da exposición A Arte de Facer Libros, no Verbum Casa das Palabras o prestixioso editor Emilio Sdun dará a coñecer a súa experiencia como editor de arte. A través das súas vivencias dende 1984 poderase coñecer máis en profundidade o proceso de creación de libros singulares e edicións de luxo.

luns, 31 xan 2011
1296477606emilio.jpg
Emilio Sdun, de orixe alemán e con residencia en Cuevas del Almazora, é un dos principais tipógrafos e calígrafos do panorama estatal. Cursou estudos de tipografía na escola de Artes e Oficios de Berlín. Na súa editorial, Prensa Cicuta (fundada en Frankfurt en 1984 e trasladada no 1996 a Almería), constrúense libros de artista mediante técnicas gráficas de composición e impresión tradicionais adaptadas ao noso tempo. Os seus cursos son moi solicitados por institucións, escolas e facultades de Belas Artes de toda España.

Moitas das súas obras pódense visitar en museos, bibliotecas e coleccións privadas de prestixio e ao longo de todo o globo e teñen formado parte de importantes exposicións. A súa labor foi premiada con diferentes galardóns como o V-O Stomps de Maguncia, a máis alta distinción alemá da impresión mediante prensa.

A conferencia terá lugar ás 19 horas con entrada gratuíta ata completar aforo.
Descargar todas as imaxes