Escoitar

O Pleno aproba por unanimidade a rebaixa nun 70% das taxas das terrazas impulsada polo goberno local

Tras reunirse co sector hosteleiro, o alcalde, Abel Caballero, anunciara o pasado 14 de xaneiro a decisión municipal de rebaixar nun 70% as tarifas de ocupación da via pública para instalar terrazas, e este luns o Pleno da Corporación respaldou por unanimidade esta proposta. Esta medida, tomada para axudar ao emprego na hostelería ante a crise económica, será efectiva con carácter retroactivo desde xaneiro. Dependendo da súa ubicación, unha cafetería pagará 32 euros o metro cadrado, polos 106 que se viñan abonando.

luns, 31 xan 2011
1296479653terrazas.jpg
Reunión do alcalde con FEPROHOS
Todos os grupos políticos con representación municipal respaldaron este luns no Pleno da Corporación a decisión do goberno local de rebaixar nun 70% as taxas para instalar terrazas, anunciada fai dúas semanas polo alcalde, Abel Caballero.

Esta medida -adoptada e feita pública o pasado 14 de xaneiro polo rexedor, tras anunciarlla nunha reunión á Federación Provincial de Hostería de Pontevedra- posibilitará que unha cafetería ubicada en categoría un pase a pagar de 106 a 32 euros por metro cadrado de vía pública ocupada.

O obxectivo desta rebaixa é "apoiar" ao sector hosteleiro e ao emprego que xera en Vigo, segundo apuntara o alcalde no momento do seu anuncio, e entrará en vigor desde o 1 de xaneiro con carácter retroactivo.

Na sesión plenaria, o Partido Popular explicou o seu voto favorable afirmando que "imos estar sempre co goberno" cando rebaixe impostos á cidadanía, aínda que valorou que esta decisión -afirmou Jorge Conde- non era "vontade" do Concello, senón que veu obrigada pola normativa que impide fumar nos establecementos hosteleiros.

O voceiro socialista, Carlos López Font, aclarou que a lexislación sobre o tabaco era ben coñecida anteriormente e foi respaldada polo PP en Madrid, criticou o "oportunismo político" da oposición e recordou a rebaixa de impostos xa efectuada polo goberno local e recollida nos orzamentos municipais.

Con respecto ao pasado ano, as tarifas en 2011 baixan de 106 a 32€/m2 na categoría 1, de 56 a 16€/m2 na dúas, de 47,6 a 14€/m2 na tres, de 42 a 12€/m2 na cuarta, de 41 a 12€/m2 na quinta e de 15€/m2 a 4 euros na sexta categoría.
Descargar todas as imaxes