Escoitar

O tenente de alcalde anuncia que o Ifevi abre o día 14 a tempada de grandes eventos con Galiexpo Motor Show

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou hoxe luns a sexta edición de Galiexpo Motor Show, que será o primeiro dos grandes acontecementos que se celebrarán este ano no recinto feiral do Ifevi. O nacionalista salientou o esforzo realizado pola organización do evento, xa que "nestes tempos de crise" non é fácil manter este tipo de eventos e facelo innovando para seguir medrando.

luns, 3 xan 2011
1294061492Galiexpo.JPG
Santi Domínguez sinalou que en Vigo e a súa área hai unha grande afección ao mundo do motor e Galiexpo é unha das mellores oportunidades que teñen para poder gozar da súa afección. Agarda que se superen os 75.000 visitantes do ano pasado, porque "nesta sexta edición vai mellorar ás cinco edicións anteriores".

Entre as novidades deste ano en Galiexpo, que se celebrarará do 14 ao 16 de xaneiro, un espazo adicado ás motos con exhibicións de equipos internacionais de freestyle e trial indoor. O responsable da organización Ricardo Portabales explicou que o salón presentará en primicia en Galicia unha moto eléctrica e tamén organizará un mercadiño para poder vender ou intercambiar pezas usadas do mundo do motos. Tuning, competicións ou coches clásicos son algúns dos elementos que compoñen a oferta de Galiexpo, no que tamén se poderá gozar coas evolucións de dous rapaces vigueses de 15 anos, un campión de Europa e outro campión de España, que van facer demostracións de trial.

Galiexpo, que é un dos salón máis visitados dos que se celebran no Ifevi, manterá este ano os prezos populares do ano pasado de 5 euros. A este respecto, Ricardo Portables salientou que é posible mantelos "grazas ao apoio do tenente de alcalde, que fixo un esforzo grandísimo para que este salón se celebre e hoxe sexa con Zaragoza o único referente, xa que nin Madrid nin Barcelona continúan".

"Comezar o ano cun evento como Galiexpo, que é xa un salón consolidado e referente do motor, é unha moi boa noticia para o recinto feiral", afirmou o tenente de alcalde. Santi Domínguez sinalou a importancia de contar salóns deste tipo para seguir facendo do Ifevi un referente da promoción da cidade. Adiantou que aínda se están pechando as cifras do ano pasado no recinto, pero as previsións apuntan a que poden ser positivas e mellorar ás de 2009.
Descargar todas as imaxes