Escoitar

13.000 estudantes participaron este ano nos programas de inglés do Concello nos colexios vigueses

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, no balance do ano 2010, estimou que 13.000 estudantes participaron nalgunha das actividades que a Concellería de Educación vén desenvolvendo nos centros escolares vigueses para que os alumnos e alumnas melloren o seu nivel de inglés. Recordou tamén que 350 escolares viaxaron a estudar idiomas no estranxeiro sufragados polo Concello e o goberno local concedeu unhas 3.500 axudas de comedor escolar.

mércores, 29 dec 2010
1293630084educacion.jpg
Abel Caballero salientou os avances experimentados en materia educativa neste ano grazas á acción municipal, en particular nos idiomas e nas axudas para os máis necesitados.

Xunto ao aprendizaxe de idiomas e as bolsas de comedor, Caballero recordou que Vigo foi quen de conseguir un aula da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), xa co visto bo da propia Universidade e pendente do padroado a celebrar no mes de xaneiro.

Por outra banda, o goberno local que preside acometeu a reforma e ampliación de catro comedores escolares saturados pola demanda do servizo e rematou a construción de tres novas escolas infantís -Casiano Martínez, Tomás Alonso e Mestres Goldar- que case duplicarán a oferta de prazas das catro garderías municipais da actualidade. O alcalde explicou que este ano tomouse a decisión de contruir outras catro, co que, a finais do mandato presente, as escolas para nenos e nenas de 0 a 3 anos pasarán das catro de hoxe as 11 do próximo ano.

Para rematar coa educación, Abel Caballero felicitou aos reitores saínte e actual da Universidade de Vigo por ter conseguido a excelencia internacional para o proxecto de investigación mariña Campus do Mar, do que o Concello de Vigo tamén formou parte.

En relación a outras cuestións, o alcalde adiantou que xa ten no seu poder o proxecto de albergue provisional na Escola de Hostelería, que será contratado e arranxado por vía de urxencia para que entre en funcionamento coa máxima celeridade posible, solventando finalmente unha demanda histórica en Vigo.

Caballero recordou que o Xulgado Mercantil e o Rexistro Mercantil cumpriron en 2010 o seu primeiro ano de funcionamento, algo do que xa "ninguén se acorda" pero que foron reclamadas durante anos pola cidade.

O alcalde subliñou como outros logros a paralización de licenzas da Panificadora, que será "recuperada para o ámbito público" e albergará, fronte aos silos, a Biblioteca do Estado para Vigo; e os "avances notables" en materia medioambiental, onde os verquidos ao Lagares son hoxe a excepción e non a norma, como acontecia anteriormente. Tamén amosouse Caballero "moi orgulloso" do avance de VigoZoo, hoxe "un lugar de investigación" que cumpre coas normativas europeas e progresa en dirección a converterse nun "proceso de recuperación" dos animais.

Abel Caballero citou tamén os recoñecementos logrados pola cidade nestes últimos meses a nivel estatal, en materia de deporte, accesibilidade, educación e a mención especial de Unicef a Vigo no programa Cidades Amigas da Infancia.

Dúas cuestións tamén salientadas polo socialista foron a ampliación dos horarios de apertura da ETEA e o inicio do arranxo das instalacións deportivas e a "moi digna celebración" do Bicentenario da Cidade, con "sobriedade" e "sen grandes gastos".
Descargar todas as imaxes