luns, 27 dec 2010
A moción presentada polo BNG e aprobada cos socialistas insta á Xunta de Galicia e ao Parlamento a garantir os recursos económicos que permitan aos concellos ofrecer as axudas de emerxencia social e o servizo de axuda no fogar, e desenvolver o plan de inserción social e os equipos de inclusión social, entre outras medidas. O acordo, rexeitado polo PP, insta tamén ao goberno local a manter sen recortes os investimentos en servizos sociais aprobados nos orzamentos municipais.
luns, 27 dec 2010
Os votos favorables dos grupos socialista e nacionalista aprobaron este luns unha moción solicitando á Deputación de Pontevedra que destine a Vigo o 35% dos seus investimentos a Vigo, a mesma porcentaxe que representa a poboación da cidade na provincia. O goberno local denunciou o investimento "cero" do organismo en Vigo e a "discriminación" á cidade por ser un goberno de color distinto. O PP local renunciou á súa intervención por non querer participar da "estratexia de confrontación con todas as administracións" do Concello.
luns, 27 dec 2010
A moción presentada polo Partido Popular, aprobada por unanimidade, demanda a posta en marcha de todos os contedores soterrados do municipio e proceder co orzamento de 2011 á instalación da maquinaria nos lugares baleiros destinados a ese fin. O texto denuncia que "son moitas as isletas de reciclaxe que se encontran fóra de servizo" e "Vigo merece ter un servizo en condicións e acorde co que desembolsa coas taxas e impostos que paga".
luns, 27 dec 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou na tarde de onte domingo a feria Vigolandia no Instituto Feiral de Vigo, onde a Policía Local participou coa montaxe de tres parques de tráfico para nenos de entre 5 e 14 anos. Con actividade teórica e práctica, o departamento de Educación Vial procura sensibilizar aos máis pequenos dos perigos das estradas e darlles a coñecer as sinais de tráfico mediante debuxos animados.
luns, 27 dec 2010
O Museo da Cidade organiza un programa de visitas especial durante o Nadal á exposición "Quiñones de León: unha nova pinacoteca para Galicia", que se atopa na Casa das Artes. Trátase dun programa de visitas guiadas, gratuíto e dirixido a todos os públicos para dar a coñecer dun xeito ameno e entretido a selección de 83 pezas da plástica galega dos séculos XIX e XX.