Escoitar

O goberno local aproba o orzamento de 2011 coa enmenda para financiar o voo a Londres

Os grupos políticos do goberno -PSdeG e BNG- aprobaron hoxe xoves coa oposición do PP as contas para 2011, que ascenden a 227 millóns, un orzamento "austero" e "de esquerdas", que inclúe "máis atención social" e dirixido a "crear emprego e facer cidade". O texto inclúe unha enmenda por 650.000 euros para subvencionar a conexión de Vigo con Londres. O PP opúxose e acusou ao alcalde de "derrochón". O Concello aproba o seu cuarto orzamento consecutivo por primeira vez na democracia viguesa.

xoves, 23 dec 2010
1293111911raquel.jpg
A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz
O goberno local ratificou hoxe xoves o orzamento do Concello para 2011, unhas contas que ascenden a 227 millóns e inclúen unha enmenda para subvencionar o voo Vigo-Londres.

A principal novidade contemplada nesta aprobación definitiva con respecto á inicial de novembro radica no reaxuste orzamentario que permitirá destinar 650.000 euros para a conexión aérea entre Peinador e Heathrow, pois o goberno vigués asegura que "esta cidade reclama un aeroporto internacional".

A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, subliñou que o de 2011 é o cuarto orzamento consecutivo aprobado, o que acontece por primeira vez na etapa democrática viguesa, mostra da "estabilidade e eficacia" do goberno. Definiu o texto de "progresista, austero e de esquerdas", para "crear emprego e facer cidade" con "máis servizos, máis atención social e educativa e máis investimentos".

A edil recordou que en 2011 se conxelan as taxas para 2011 en termos reais, se reduce en 1,5 millóns de euros a débeda do Concello -ao contratar un préstamo de 11 millóns e amortizar 12,5-, se aforra 2 millóns en gasto corrente e 3,5 millóns en gastos de persoal -2,3 millóns derivados do decreto estatal do empregado público e 1,2 millóns pola política municipal de restructurar o cadro de persoal, o que permitirá asemade a creación de novas prazas para a Policía Local e os Bombeiros-.

No tocante aos investimentos previstos, estes ascenden a 18 millóns de euros no próximo exercicio económico municipal de cara a "xerar emprego e eliminar desigualdades", principalmente destinados ao departamento de Vías e Obras, con 8,5 millóns para levar adiante humanizacións nas rúas Panamá e Nicaragua, na Avenida de Castelao, na Praza de Independencia, na rúa Brasil, na rúa Aragón, en Pintor Colmeiro, en Troncoso, en Balaídos, Martínez Garrido, Ramón Nieto, Doctor Marañón, Menéndez Pelayo, Colombia, en Beade, Espiñeiro, en Teis, no parque de Castrelos, en Matamá-Pazos, na rúa Pino, Esperanto, Toledo, Severino Cobas e Manuel Álvarez.

Ademais, case un millóns de euros irán dirixidos a Parques e Xardíns para mellorar a Praza da Miñoca, a Gran Vía, o entorno de Balaídos, Teixugueiras, a Alameda de Navia, a Avenida de Castelao e o parque Rivera Atienza.

O teniente de alcalde, o nacionalista Santiago Domínguez, destacou a "estabilidade" do goberno na aprobación dun cuarto orzamento "de esquerdas, pensado para a maioría social da cidade", e baixo o obxectivo de conseguir "unha cidade que avance e se modernice e afronte os efectos da crise". Domínguez subliñou a "responsabilidade" do grupo político que dirixe na elaboración das contas para 2011 e a "prioridade absoluta" seguida para atender aos máis desfavorecidos.

O voceiro de Economía do Partido Popular, Jorge Conde, asegurou que o de 2011 é un orzamento só para "presumir" e denunciou que non se poderán executar os investimentos a tempo ao non ser posible contratar o crédito antes de marzo. "O orzamento nace morto", aserverou Conde, ao estimar que o goberno terá que modificalo para incluir o pago de 14 millóns de euros por sentencias xudiciais adversas. O PP acusou ao alcalde de "derrochón"e asegurou que o voo a Londres foi ofertado a "alguén" dos concelleiros pola metade de prezo.
Descargar todas as imaxes