Escoitar

Santi Domínguez anuncia que o transporte público do Casco Vello funcionará en marzo cun bus e oito bicicletas eléctricas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este mércores que o transporte público do Casco Vello, que inclúe servizo de autobús e bicicletas eléctricos, está xa adxudicado e comezará a funcionar no vindeiro mes de marzo. O nacionalista afirmou que este proxecto ten o obxectivo de mellorar a mobilidade do barrio, resolvendo os problemas de accesibilidade. Ademáis explicou que durante a fase experimental da implantación do autobús, con capacidade para 22 pasaxeiros, o servizo será gratuíto.

mércores, 29 dec 2010
1293631760Buses.JPG
"O Casco Vello ten que ser un emblema da cidade, pero ten que ser accesible", destacou o tenente de alcalde na presentación do proxecto, na que tamén participou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. O tenente de alcalde explicou que o bus é o modelo Zeus M200E plus, elixido porque se adapta "as características do Casco Vello, moi sinuoso e con fortes pendentes no percorrido". Indicou que ten unhas dimensións de 5,89 metros de longo e 2,07 metros de ancho que permitirán "circular e manobrar sen problemas e superar as pendentes de máis do 20%". Ademais do condutor, a súa capacidade será para 22 pasaxeiros, dos que 9 poderán ir sentados, 12 de pé e ademáis inclúe unha praza para cadeira de rodas. O tenente de alcalde precisou que ademáis disporá dunha plataforma ultrabaixa que garante a accesibilidade para persoas con discapacidade.

Santi Domínguez destacou tamén que o seu funcionamento será 100% eléctrico, polo que circulará con "cero emisións de gases e un nivel mínimo de contaminación acústica". Conta cun sistema de baterías de litio que proporcionan autonomía para 120 kilómetros por hora, que o tenente de alcalde considerou "sobradamente suficiente para que ao longo do percorrido diario non teña que facer paradas para recargar". Ao respecto sinalou que haberá dous puntos de recarga, un no mercado do Berbés e outro na parte alta do Casco Vello, ademais do que se instalará nas cocheiras de Vitrasa.

O nacionalista explicou que o bus fará un percorrido circular partindo da Praza do Berbés, seguindo pola rúa Real, Praza da Pedra, Paseo de Alfonso, Concello, Progreso, Porta do Sol, Praza da Constitución, Marqués de Valladares, Praza de Compostela, Montero Ríos e Berbés. Segundo Santi Domínguez, deste xeito, ademais de conectar a parte alta e baixa do Casco Vello e cumprir o obxectivo da accesibilidade, servirá como "elemento integrador do comercio de dúas zonas importantes" como son o Casco Vello e a zona de Progreso e Príncipe.

O nacionalista afirmou que, paralelamente, porase en marcha o servizo de bicicletas eléctricas. Nunha primeira fase implantaranse 8 bicicletas con autonomía para 50 kilómetros. "Estamos seguros de que teremos que ampliar o servizo pola demanda que haberá", manifestou. Explicou que a bancada aparcabicis estará ubicada na Praza Fermín Penzo e que contará tamén cun punto de información onde ser realizarán todas as operacións para o préstamo.

O concelleiro de Patrimonio Histórico afondou na idea transmitida por Santi Domínguez de que o obxectivo da implantación do transporte público no Casco Vello é a mellora da mobilidade no barrio, especialmente tendo en conta que é trata dunha zona semipeonalizada e cunha orografía complexa. "Case é a única solución que podemos executar dende o punto de vista técnico", asegurou.

Eudosio Álvarez comentou que en principio o primeiro ano será experimental, de xeito que se fará un seguimento técnico "que marcará as modificacións que haxa que facer". Neste sentido comentou que se en cinco ou seis meses o seu funcionamento é o axeitado, poderase ampliar o servizo e mercar un ou dous autobuses. Destacou que, en calquera caso, "para a cidade terá un efecto extraordinariamente importante". Preguntado polo custo do proxecto indicou que o autobús e a infraestrutura necesaria para implantalo é inferior aos 500.000 euros.

Sobre se este servizo xa funciona noutras cidades, o concelleiro de Patrimonio Histórico sinalou que Madrid é unha delas, aínda que ao seu xuízo non é un bo exemplo porque é unha cidade chaira. Engadiu que Segovia e Xirona son dúas cidades nas que xa está funcionando máis similares a Vigo e que levan un ano de vantaxe no tocante a súa implantación.
Descargar todas as imaxes