Escoitar

O Concello e o ministro de Educación recoñecen a laboura polo galego e por Galicia de Francisco Fernández del Riego

O Concello decreta dous días de loito oficial polo seu falecemento e da lectura no Pleno da Corporación a unha declaración institucional que "recorda e homenaxea a vida e o pasamento dunha das figuras imprescindibles da nosa cultura". O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, de visita na cidade, amosou o seu "pesar e recoñecemento" por quen "loitou e defendeu con tanto amor á lingua".

luns, 29 nov 2010
1291037458deriego.JPG
O Concello de Vigo, no Pleno da Corporación Municipal celebrado este luns, decretou dous días de loito oficial e deu lectura a unha declaración institucional en memoria de Francisco Fernández del Riego, falecido o pasado vernes na cidade, recoñecemento ao que sumouse o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, de visita en Vigo.

O ministro subliñou a traxectoria "ilustre" de Del Riego, quen foi presidente da Real Academia Galega, e amosou o seu "pesar e recoñecemento" por quen "loitou e defendeu tan seriamente, con tanto rigor e con tanto amor á lingua unha cultura vencellada á realidade e á verdade de Galicia.

Pola súa banda, o texto respaldado polos tres grupos políticos con representación municipal, dado lectura polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, subliña o rol persoal e profesional "dunha das figuras imprescindibles da nosa cultura". O manifesto municipal reza como segue:

"No día de hoxe, o Pleno da Corporación Municipal de Vigo recorda e homenaxea a vida e o pasamento dunha das figuras imprescindibles da nosa cultura. Personalidade ilustre e vigués convencido, Francisco Fernández del Riego nos deixa unha dilatada traxectoria profesional chea de verbas e galeguismo, e un recordo indeleble na memoria de todos e cada un dos vigueses e viguesas, dos galegos e galegas.

Medalla de Ouro da Cidade e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, Del Riego caracterizouse polo seu profundo compromiso con Vigo e con Galicia, como amosa a súa obra e a súa dedicación desinteresada á cidade participando intensamente na vida social viguesa ata que a súa saúde llo permitiu.

O seu arraigo á nosa terra, o seu amor a Vigo, levouno a doar a súa extensa e brillante colección literaria e artística á nosa cidade, que hoxe temos a fortuna de poder coñecer e apreciar na Biblioteca Museo Francisco Fernández del Riego. A súa incansable actividade como benefactor da cidadanía viguesa e galega permitiuno dirixir con éxito a Fundación Penzol ata o pasado ano.

Francisco Fernández del Riego destacou na súa faceta literaria, impulsando o galeguismo na Segunda República e artífice durante a segunda metade do século XX do proceso de recuperación cultural nacido tras a posguerra. Pero se o seu legado traspasa fronteiras no ámbito das letras, o seu carácter afable e a súa personalidade comprometida elévano a un lugar privilexiado no corazón de Vigo e de Galicia".
Descargar todas as imaxes