Escoitar

Día Internacional da Muller

Organizada polo Consello Municipal da Muller, a Praza 8 de Marzo acollerá, o domingo 7 de marzo, unha xornada repleta de actividades de música, títeres, lectura, graffiti, humor e agasallos.As actividades previstas, que se prolongarán durante toda a xornada neste espazo (situado entre os números 89 e 91 da rúa Camelias), transformarán esta céntrica praza nun lugar de encontro das mulleres da cidade e do público en xeral, xa que no programa están incluídos actos para nenas e nenos e persoas adultas.

venres, 5 mar 2010
1267793554muller.jpg
Con motivo do Día Internacional da Muller, o Consello Municipal da Muller de Vigo celebrará o vindeiro domingo 7 de marzo un encontro na Praza 8 de Marzo co obxectivo de gozar dunha xornada de
convivencia e de reivindicación.

As actividades previstas, que se prolongarán durante toda a xornada neste espazo (situado entre os números 89 e 91 da rúa Camelias), transformarán esta céntrica praza nun lugar de encontro das mulleres da cidade e do público en xeral, xa que no programa están incluídos actos para nenas e nenos e persoas adultas.

Así, de xeito ininterrumpido de 10.00 a 20.00 horas desenvolverase unha completa programación que persegue a participación activa das persoas que asistan. O público poderá contribuír, coas súas
mensaxes, á elaboración dun mural e colaborar na lectura de textos seleccionados relativos á situación da muller. Tamén haberá agasallos para quen asista.

Así mesmo, durante toda a xornada poderá visitarse a exposición fotográfica "Mulleres 2010" , organizada pola Concellería de Igualdade, e na que se amosa un abano de imaxes de mulleres que viven, traballan e medran en Vigo e na súa contorna e que compartiron ás súas experiencias e as súas historias. O obxectivo da mostra é facelas visibéis, recoñecerlles o seu valor e esforzo e crear referentes para outras mulleres que poidan obter delas ánimos e folgos.

Ao igual que nas pasadas edicións da festa, varias artistas graffiteiras elaborarán in situ unha grande obra relativa á celebración do 8 de Marzo. Os traballos realizados nas edicións de 2008 e 2009 permañecen na Praza 8 de Marzo e xa forman parte da paisaxe urbana deste espazo.

Música e espectáculo para todos os gustos
A ambientación musical realizarase no interior dunha carpa instalada na praza e incluirá sesións animadas por Djs, así como actuacións de punk-rock, folk, zanfonas ou pandereteiras. Pola súa parte,
as actrices "Catuxa e Pituxa", serán as encargadas de dinamizar as actividades que se desenvolverán durante a xornada, a través do seu espectáculo "Mandanelas".

Ás 11.00 horas actuará o grupo de pandereteiras "Tarambainas", da AVCD Lavadores e ás 11.30 horas comezará outra actuación musical a cargo dun grupo de zanfonas. Ademais, "Sinais no ar" é o
nome da actuación musical que ofrecerá a violinista Laura Quintillán a partir das 12.45 horas.

Ás 13.00 horas, dará comezo a actuación de "Lulavai", unda das máis delicadas e intimistas formacións de música galega actual (4 arpas e 4 voces), que interpretará temas tradicionais e de composición propia.

As nenas e os nenos que se acheguen á praza tamén poderán participar en diversas actividades, como as que ofrecerán, ás 12.00 horas, as titiriteiras Larraitz e Mirari Urruzola, da compañía "Babaluva". A obra que representarán, "Marusía", é unha fascinante aventura en teatro de guiñol tradicional. Pola súa parte, ás 17.00 horas, estas artistas porán en escena "Lume", unha emocionante aventura en teatro de obxectos. Así mesmo, pequenas e pequenos, recibirán diversos
agasallos (globos, contos...).

Pola tarde, ás 18.00 horas, soará na praza "Agoraphobia", unna banda de punk-rock formada por catro rapazas procedentes de Boiro que teñen amosado unha gran proxección.

Tras esta actuación, ás 19.00 terá lugar a lectura do Manifesto do Consello Municipal da Muller co gallo do 8 de Marzo e ás 19.30 horas, o grupo "As Routadas" ofrecerá a actuación fin de festa na
que a música folk será protagonista.

"VIGA. Dereitos das Mulleres. A revolución creactiva "
Todos e cada un dos elementos presentes na praza terán a imaxe deste encontro, VIGA, que baixo o lema "Dereitos das Mulleres. A revolución Creactiva" propón a utilización da creatividade activa na
loita cara á igualdade e para rematar coa discriminación que sofren ás mulleres. Pola súa parte, VIGA representa un simbólico cambio de xénero no nome da cidade. Un cambio formalmente pequeno que
implica unha revolución. Unha provocación ante os prexuízos. Fronte á conservación incondicional de valores tradicionais, unha mensaxe clara de que todo é susceptible de ser cambiado.

Para facer chegar á cidadanía este evento, o Consello Municipal da Muller está a levar a cabo unha campaña informativa que inclúe o reparto de 20.000 folletos, distribuídos en todos os barrios da cidade, así como en entidades veciñais e outros colectivos sociais. Ademais, a campaña está a utilizar outros soportes, como o transporte público urbano.

Consello Municipal da Muller
O Consello Municipal da Muller de Vigo está integrado por un total de 20 entidades, entre as que figuran representantes de asociacións de mulleres, grupos políticos con representación municipal, secretarías da Muller dos sindicatos, a Concellería de Igualdade e o Servizo
Galego de Igualdade da Xunta de Galicia.

Na actualidade, conforman o Consello as seguintes asociacións: Asociaciónde Mulleres Lúa; Asociación de Mulleres Rosalía de Castro; Asociación de Mulleres Dorna; APM Concepción Arenal; Feministas Independentes Galegas; Mulheres Nacionalistas Galegas; Asociación de Mulleres Progresistas; Asociación de Mulleres de Bouzas, Asociación de Mulleres Xestas; Colectivo Violeta; Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo; Vogalía da Muller da Federación Veciñal "Eduardo Chao" de Vigo; Secretaría da Muller da CIG; Secretaría da Muller de CC.OO; Secretaría da Muller da UGT; Concellería de Igualdade do Concello de Vigo, Grupo Municipal
do BNG; Grupo Municipal do PSdeG-PSOE; Grupo Municipal do PP; Servizo Galego de Igualdade.
Descargar todas as imaxes