Escoitar

Xesus López anuncia que a cantante Norah Jones presentará o 14 de xullo no auditorio de Castrelos o seu último disco

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou hoxe que o auditorio de Castrelos acollerá o 14 de xullo o concerto da cantante, pianista e compositora Norah Jones. Esta actuación, que se enmarca na xira mundial da artista, é unha das tres únicas citas que a cantante terá no Estado español e a única en Galiza, nas que Jones presenta o cuarto traballo, titulado "The Fall".

xoves, 11 feb 2010
1265895624norahjones.jpg
Xesus López explicou que a actuación de Norah Jones é o primeiro dos concertos xa pechados da programación de verán. Neste sentido apuntou que non é doado manter o nivel das contratacións debido ao alto nivel dos últimos anos. Destacou asemade que os prezos serán "moi populares", xa que ademais do aforo gratuíto, os prezos das entradas para as cadeiras serán de 12 euros mercándoas anticipadamente e 15 euros na taquilla.

Segundo o concelleiro de Cultura, "con este concerto iniciamos un programa incomparable para 2010". Xesus López sinalou que o cuarto traballo de Norah Jones se caracteriza por incluír música country con "certas concesións" ao rock, pero mantendo como elemento central a súa voz "cálida e ateciopelada".

O representante da produtora David Lago, coincidiu co concelleiro de Cultura nas dificultades para "manter o listón que teñen as actuacións en Castrelos". Respecto a Noah Jones destacou que é das artistas máis premiadas na actualidade, e destacou que no 2002 foi a gran triunfadora dos Grammy, acadando catro premios nas principais categorías de mellor disco do ano, mellor canción, mellor actuación e mellor artista novel.

Co seu primeiro disco "Come Away With me", publicado no 2002, Norah Jones vendeu máis de 20 millóns de copias. Dende entón converteuse nunha das artistas máis influíntes e con máis vendas da década. Dous anos despois, a artista regresou con "Feels like home", no que Norah Jones ofrece un conxunto de cancións compostas por ela, os membros do seu grupo e polo cantante e compositor Richard Julian, así como versións de varios temas.

No 2007 publica o seu terceiro álbum de estudo, "Not too late", co que vende ao redor de 7 millóns de copias. Tamén no 2007 fai a súa primeira aparición no cine da man do prestixioso director Wong Kar-Wai. O seu cuarto e último traballo é "The Fall", editado no 2009 e no que experimenta con diferentes sons e novos ritmos.
Descargar todas as imaxes