Escoitar

A recadación de Vigolandia destinarase a paliar os danos de Haití como mostra da solidariedade de Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, entregaron este xoves os 23.000 euros de recadación de Vigolandia ao presidente do Fondo Galego de Cooperación, Alfredo Nóvoa, que seran destinados a Haití para paliar aos damnificados do terremoto. "Vigo sempre foi unha cidade solidaria e todos os vigueses e viguesas que asistiron a Vigolandia se sentirán satisfeitos con esta axuda", asegurou o tenente de alcalde.

xoves, 11 feb 2010
1265895717recaudacionvigolandia.jpg
Santi Domínguez explicou que este ano a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social e os representantes dos patrocinadores de Vigolandia "decidimos que era obrigado colaborar coa gran desgraza que está sucedendo en Haití". Salientou que esta feira destinada ao lecer dos nenos e nenas no Nadal se caracteríza tamén polo seu aspecto de cooperación e ao respecto lembrou que o ano pasado a recadación foi entregada a tres comedores sociais da cidade.

"Vir a Vigo xa é unha rutina, é o concello no que máis veces estiven e isto demostra que a cidade é lider en Galiza en cooperación internacional", destacou o presidente do Fondo Galego de Cooperación. Explicou que os cartos serán investidos non na reconstrución do país, posto que xa estaba no furgón de cola da pobreza antes do terremoto, senón na súa refundación. Sinalou que isto significa a redistribución da poboación, a recomposición das infraestruturas, e o desenvolvemento dunha agricultura sostible.

María Méndez expresou a súa honra e orgullo polo impulso a Concellería de Benestar Social deu á cooperación internacional dende a chegada do BNG ao goberno da cidade. "Apostamos por unha área que estaba abandoada, duplicando os orzamentos destinados á cooperación internacional", destacou a concelleira nacionalista. Sinalou ademais que ante un feito tan grave como o terremoto de Haití "actuou a sensibilidade e decidimos que a recadación de Vigolandia axude á reconstrución dese país". Finalmente expresou o seu desexo de que os 23.000 euros contribúan a que a poboación de Haití "comece a ter unha vida digna" e agradeceu a colaboración de todas as concellerías para aprobar unha partida destinda a este país caribeño.

Jorge Santos, como representantes dos patrocinadores de Vigolandia, salientou que o acto de hoxe é o máis importantes dos que se celebran por mor da feira, "porque os pais e nais que estiveron no IFEVI ven que o sue esforzo económico se plasma nunha axuda social".
Descargar todas as imaxes