Escoitar

Eudosio Álvarez di que por primeira vez a cidadanía poderá coñecer os restos da muralla nunha recreación virtual

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou este venres que por primeira vez a cidadanía viguesa terá a oportunidade de coñecer as características da muralla da cidade mediante a elaboración dun documental e a súa recreación virtual. O edil, na visita que hoxe realizou aos restos da muralla que se atopan no Paseo de Alfonso sinalou que neste momento se están analizando os seus parámetros para coñecer a súas dimensións.

venres, 19 xuñ 2009
1245417465visitamuralla.jpg
Ao pé do baluarte da muralla, que segundo Eudosio Álvarez "está bastante ben conservado", o concelleiro de Patrimonio Histórico explicou que unha vez que se teñan os datos sobre a altura da muralla "imos documentala gráfica e tecnicamente". Asemade, indicou que posteriormente se procederá a súa preservación para tapala. Neste sentido aclarou que "non se pode deixar a zona aberta debido á intensidade de tráfico existente e polos problemas de seguridade que plantea manter o espazo aberto".

"O problema de ter que tapar estes restos da muralla non é só un problema de Vigo, senón de todas as cidades do mundo", sinalou o edil nacionalista. Segundo precisou, "xusto por riba da muralla construiuse o vial de Elduayen e hoxe en día non temos alternativa para a circulación". Segundo explicou, Inmediatamente despois de ter documentados os restos, "para o cal temos contratado un equipo de televisión, pecharemos e continuaremos coas obras". Tras este proceso, remataranse as actuacións para que o Paseo de Alfonso sexa un gran espazo de prioridade peonil no que se dará continuidade á rúa Príncipe "para o goce da cidadanía". A actuación tamén incluirá a sinalización dos espazos polos que transcurre a muralla para coñecer a súa ubicación exacta.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, asemade, indicou que no proceso de análise da muralla os servizos técnicos da Xunta colaboran cos servizos técnicos municipais, basicamente nas tarefas de control, vixilancia e dirección. "A cidadanía viguesa vai ter por primeira vez información sobre a muralla da cidade", subliñou Eudosio Álvarez.


Descargar todas as imaxes