Escoitar

A Colexiata será o escenario do novo ciclo de música sacra

venres, 15 mar 2002
imx1212.jpg
Programa
O concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, presentou esta mañá en rolda de prensa a terceira edición do ciclo de música sacra co título ”Música en Semana Santa en Europa”. En total serán catro concertos que se celebrarán na igrexa da Concatedral de Santa María ás 21.30h. con entrada libre e gratuíta ata completar aforo, os días 18, 21, 22 e 23 de marzo. Na presentación tamén estiveron presentes a xefa do departamento de Actividades Artísticas da Fundación Caixagalicia, Rosario Sarmiento, o director do Conservatorio de Música de Vigo, Roberto Relova e o párroco da Colexiata, Moisés Alonso.

O concelleiro destacou que ”esta é unha cita cultural para Vigo, Galicia e o norte de Portugal, porque a programación que ofrece a nosa cidade neste ciclo é a mellor nesta área xeográfica e converte a Vigo na capital da música sacra neste tempo”.


Programación do ciclo de música sacra:

Luns, 18 de marzo
ARTE MÍNIMA “Pour les Dames Religieuses”.
O pequeno motete francés no século XVIII

O grupo de música barroca Arte Mínima creouse en Vigo no ano 1992 co obxectivo de interpretar a música dos séculos XVII e XVIII con critérios historicistas. Para iso empregan instrumentos que son copias doutros instrumentos antigos conservados en diversos museos e coleccións particulares europeas. Para as súas interpretacións baséanse ademais en reproduccións facsímiles das primeiras edicións ou dos manuscritos orixinais. Realizan tamén un importante traballo de pescuda sobre tratados musicais antigos para lograr recuperar a técnica e a sensibilidade barroca de facer música.

Xoves, 21 de marzo
ENSEMBLE MÚSICA PEREGRINA “Concerti Ecclesiastici”.
Cancións sacras do s. XVII en España, Italia e Alemaña.

Este novo conxunto especializado na música antiga, nace da necesidade persoal do seu director, o arpista Manuel Vilas, de afronta-lo repertorio da Música Barroca cun criterio estético propio e unha sonoridade moi particular. Ademais prestan especial atención ó patrimonio musical conservado nos arquivos das cinco catedrais galegas, así como doutras catedrais que gardan relación coa cultura galega.

Venres, 22 de marzo
ENSEMBLE ROSA SOLIS “Couperin e as Leccións de Tebras”

As “tenebrae”, leccións de tebras, oficio da Semana Santa, foron ata hai pouco unha das máis fermosas e representativas celebracións da liturxia católica. Durante tres noites da Semana Santa (Sacrum Triduum), no oficio de matinas, cantábanse tres salmos con tres antífonas, e tres leccións con tres responsorios.

Sábado, 23 de marzo
CORO FRANCIS POULENC “A Música Vocal dos séculos XIX e XX”

Constitúese no ano 1993 baixo a dirección e a iniciativa de Blanca Anabitarte. O seu repertorio vai dende o renacemento ata o século XX. Participou por diferentes xiras mundiais e en festivais corais en todo o estado español. A súa directora, nada en Madrid, é licenciada en arte moderna e contemporánea pola universidade Complutense, obtén o master en Boston de dirección de coros no England Conservatory of Music.

Descargar todas as imaxes